Skip to main content
A Pobra do Brollón

Seguen os traballos de limpeza do sendeiro de Veneira á Mina dos Buratos na Pobra

Por 9 Setembro, 2021Sin comentarios

Continúase coa limpeza do sendeiro de Veneira á Mina dos Buratos na Pobra do Brollón. Así pois, nestas últimas semanas, os e as participantes no obradoiro de Emprego realizaron traballos de roza no camiño entre a aldea da Veneira de Roques (Ferreiros) e a Mina dos Buratos, unha antiga mina a ceo aberto situada no Alto do Grail.

Desta maneira, quitouse a vexetación, principalmente fentos, arredor da mina e abríronse camiños para chegar ata ela. Tamén se despexou a vexetación debaixo de varias árbores para ofrecer sombra a camiñantes.

Este camiño forma parte da ruta homologada que vai dende a Capela de San Vitoiro ata Veneira, e que se pode consultar na web (http://www.concellodapobradobrollon.gal/gl/sendeirismo-0).

Así pois, este percorrido é lineal e ten unha lonxitude de 6,2 km, ademais de estar sinalizado en novembro de 2019. O camiño percorre puntos de gran valor natural nos que apreciar bosques autóctonos e as escarpadas formacións rochosas sobre as que se asenta o miradoiro de San Vitoiro. Pero tamén hay elementos de elevado interese etnográfico e patrimonial, como a propia capela de San Vitorio e a lenda que envolve este lugar, ou a aldea mineira da Veneira de Roques.