Skip to main content
A Pobra do Brollón

Desenterran unha muralla no xacemento de Penas do Castelo, en Salcedo

Por 10 Setembro, 2021Sin comentarios

Os traballos arqueolóxicos nas Penas do Castelo comezaron o pasado 23 de agosto na parroquia de Salcedo, A Pobra do Brollón.

A campaña encádrase nun proxecto de arqueoloxía de aldea, complementado con outras actividades culturais, a recollida da tradición oral da zona ou visitas guiadas que tiveron lugar durante todo o verán.

A época do xacemento de Penas do Castelo é aínda incerta. O rango de datación vai dende a Idade do Ferro ata a alta Idade Media.

Precisamente establecer unha datación do xacemento é un dos principais obxectivos da campaña arqueolóxica, mediante toma de mostras que serán analizadas coa técnica do Carbono 14.

Outro dos obxectivos é centrarse no estudo da muralla, que xa antes de escavar resultaba monumental e nun estado de conservación excepcional. A muralla está acompañada ademais dun sistema de foxos escavados na rocha de enorme tamaño e espectacularidade, reforzado este efecto pola situación acrobática do xacemento, pendurado sobre o río Lor.

Os arqueólogos querían dar coas dúas caras da muralla para poder ter unha sección da mesma e poder comprender o seu sistema construtivo, ademais de deixar un recurso moi visual para as visitas.

Unha muralla cada vez máis monumental

As estimacións dos técnicos eran duns tres metros de ancho de muralla cando planearon a sondaxe, mais ao pouco de comezar a escavar déronse conta que debían ampliar a sondaxe: a cara externa estaba moi clara mais a cara interna non aparecía.

Tras a retirada do derrube, por fin deron coa cara interna resultando nunha muralla de seis metros de ancho.

A cara externa xa foi escavada anteriormente, comprobando que a muralla asenta directamente sobre a pena, cunha altura de case catro metros de altura conservados, que serían máis no seu momento de uso. Ademais, conserva un zócalo na propia base para axudar a adaptarse á pena sobre a que asenta.

A muralla está construída en seco, sen ningún tipo de argamasa entre as pedras e cun sistema construtivo moi orixinal. No seu interior os expertos puideron ver como a muralla está construída en base a unha especie de módulos que reforzan a estrutura.

Os seus construtores foron dispoñendo, pois, unha serie de reforzos transversais no interior da propia muralla que axudan a resistir a enorme pendente sobre a que foi feita.

“A muralla é realmente monumental,” apunta Benito Vilas, membro de Árbore Arqueoloxía e director da intervención. “Ademais, o sistema construtivo neste terreo tan escarpado foi efectivo, para probalo non hai máis que ver o seu estado de conservación”.

Para Marisa Defente, da directiva da Asociación Veciñal e Comunidade de Montes, “este achado monumental é un atractivo para o monte de Salcedo, tanto para que a xente nos visite como para incidir na conciencia comunitaria da propia aldea. Reforza, ademais a nosa aposta polos usos recreativos e de esparexemento do monte”.

Xosé Lois Maceda, alcalde da Pobra do Brollón, destaca que “con esta intervención, este xacemento estraño, do que aínda non coñecemos a época pero absolutamente monumental, é un recurso turístico interesantísimo para a rede de recursos arqueolóxicos do Concello”.

A directora xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, María del Carmen Martínez Insua, pola súa banda, salientou a importancia deste descubrimento para poder afondar no coñecemento do noso pasado e documentar as técnicas construtivas coas que se estaba a traballar.

As novidades do proxecto de Penas do Castelo pódense seguir nos seus perfís de Facebook (@penasdocastelo) e Instagram (@penas_do_castelo).