Skip to main content
Vilalba

A Deputación financiará a construción dun parque acuático en Vilalba

Por 8 Setembro, 2021Sin comentarios

A Deputación provincial financiará, cunha achega 682.149,60 euros, a construción dun parque acuático que ampliará as posibilidades de ocio da área recreativa da Madalena.

O mandatario provincial cumpre deste xeito co compromiso adquirido cos veciños e veciñas de Vilalba de achegar o 80% do financiamento necesario para acometer este proxecto. O Concello achega o 20% restante, 170.500€, polo que o investimento total ascende a 852.687€.

O Presidente subliñou que “estamos a falar dunha cantidade que supera  a partida de medio millón de euros que este concello percibe da Deputación con cargo ó Plan Único neste ano 2021. Pero Vilalba, e esta iniciativa, ben merecen este esforzo”.

O proxecto do parque acuático na área recreativa da Madalena, asegurou o presidente, nace “co desexo de ofrecer mellores servizos públicos aos vilalbeses e vilalbesas, e á veciñanza de toda a comarca da Terra Chá, pero ademais, esta actuación pode ter un importante efecto chamada á hora de promocionar Vilalba como destino turístico e de lecer, xa que ofrece unha proposta de ocio, de calidade, familiar, e en contacto coa natureza, que é o que máis se está a valorar na saída da pandemia”.

Tomé Roca asegurou que a institución provincial “apoiará sempre este tipo de iniciativas que recuperan e poñen en valor os recursos naturais como fonte de ocio de calidade, sostible e de experiencias, porque unha parte moi importante do futuro da nosa provincia pasa precisamente por aí: por ofrecer alternativas atractivas que dinamicen a vida social e a actividade económica do noso rural.”

Unha nova oferta de lecer

Coa creación do parque acuático na Madalena, veciñanza e visitantes poderán gozar desta nova oferta recreativa que ten como obxectivo darlle unha nova vida á contorna do río. Está pensado para dar resposta ás necesidades e gustos de todas as xeracións, permitindo, non só que haxa opcións de lecer para todas as idades, senón que pola súa disposición se permita que as nais e pais poidan manter un control visual dende calquera punto dos seus fillos e fillas mentres se atopan no recinto, aumentando a seguridade dos máis pequenos.

Esta iniciativa simplifica a xestión e o mantemento das infraestruturas desta área recreativa, sen perder de vista o enclave natural no que se atopa. Contará con tres piscinas: unha infantil de 0,45 metros de profundidade, unha de natación para uso deportivo de 1,55 metros de profundidade máxima e outra recreativa cunha profundidade de 1,20 metros. No caso do vaso infantil, complementarase con surtidores de auga que potencien e estimulen os xogos nesa área.

Tamén contará cun edificio de servizos que estará semisoterrado nunha ladeira de tal xeito que a súa presenza non obstaculice as vistas ao río nin sexa obxecto disonante no enclave natural. Nesta infraestrutura integraranse os cambiadores, os aseos, a sala de socorrismo, un almacén e unha zona para recepción. Haberá tres zonas para tomar o sol, situadas a carón das piscinas.

A intención é que a transición dende a contorna da praia fluvial ao espazo propio das instalacións recreativas se conciba como un lugar único, integradas ambas zonas nunha soa. O proxecto tamén inclúe a construción dunha rampla que comunique a cota superior da plataforma coa da praza onde se dispoñen os servizos propios da praia.

Pola súa banda, na zona sur, a parte arborada servirá como límite natural e como espazo de descanso de pavimento vexetal con zonas de sol e sombra, complementando os espazos de solarium que se prevén xunto ás piscinas.