Skip to main content
Vilalba

O PP de Vilalba cre que a entrada de Eduardo Vidal no goberno “é unha volta ao pasado”

Por 25 Setembro, 2021Sin comentarios

Os populares insisten en que “esta rancia remodelación demostra que a renuncia de Rodrigo Pavón non se debe a motivos persoais; senón á loita interna do PSOE vilalbés que rematou coa derrota das caras máis novas”.

O PP de Vilalba cre que “o PSOE local entra en pánico e volve á vella garda”. Así o manifestan tralo anuncio da nova remodelación do goberno en minoría do PSOE e a entrada de Eduardo Vidal no equipo de goberno que supón “unha volta ao pasado. A alcaldesa só é a cara amable, pero non ten autoridade no PSOE vilalbés”, apuntan.

Para os populares, esta remodelación “demostra que a renuncia do tenente de alcalde, Rodrigo Pavón, non se debe a motivos persoais; senón que se debe a unha cruenta loita entre os históricos membros do PSOE local e os socialistas máis novos que deriva na laminación do partido e coa derrota destes últimos”.

“Para paliar a revolta interna, o PSOE pecha filas en torno ao núcleo duro incluso cando o propio Eduardo Vidal anunciara a súa retirada da corporación e da vida política”. Polo tanto, trátase dunha “rancia remodelación” que evidencia unha “total falta de confianza na xente nova” ao “obrigar a renunciar a oito persoas que constituían as caras novas da lista dos socialistas levando por diante ao secretario xeral das Xuventudes Socialistas de Vilalba que integraba a candidatura no número 15 da lista”, manifestan. “Costa crer que ata oito persoas renunciaran de motu propio porque entendemos que cando forman parte dunha candidatura é porque teñen algo que aportar”.

A este respecto, dende o PP cren que  a entrada de Eduardo Vidal “é un fracaso absoluto do goberno de Elba Veleiro que, sumado á ruptura do pacto con Vilalba Aberta, pon de relevo que os aires de cambio e de renovación que vendeu o PSOE durante a campaña electoral eran unha cortina de fume da vella garda socialista para asegurarse, primeiro, o control do partido e, logo o do Concello, pero seguindo sempre os mesmos”.

Tal é así que os populares consideran que “os socialistas continúan máis centrados en resolver os seus líos internos que en traballar para mellorar o futuro de Vilalba”. De feito, sinalan que “todos os asuntos importantes de Vilalba e incluso os novos problemas xerados polo propio goberno local continúan sen resolver”.