Skip to main content
Vilalba

O PP vilalbés esixirá no Pleno accións sobre o contrato do lixo, o Mupav e as axudas

Por 28 Setembro, 2021Sin comentarios

O Grupo Municipal Popular de Vilalba subliña a “incapacidade do goberno local socialista en minoría por cumprir os acordos adoptados por unanimidade no pleno da corporación. A pesar do compromiso adquirido polo propio goberno, hai certos asuntos que se están a dilatar de forma indebida co evidente prexuízo para a gobernación municipal e os intereses dos veciños e veciñas”.

É por iso polo que os populares esixirán ao goberno municipal na vindeira sesión plenaria que se celebrará este xoves que “desenvolva con urxencia as medidas ou actuacións precisas para que, antes de que remate o presente ano 2021, se proceda a sacar a licitación o novo contrato do lixo, presentar o informe xurídico sobre a situación legal do MUPAV e executar as axudas a hostalería, comercio e autónomos”.

O portavoz do Grupo Municipal do PP, Agustín Baamonde, explica que “a señora alcaldesa asumiu na sesión plenaria de setembro do 2020 o compromiso de sacar a licitación o novo contrato do lixo -rematado e sen prórroga dende o 30 de setembro de 2020- antes de que rematara o ano. A día de hoxe, doce meses despois, seguimos sen saber nada da súa licitación ou, tan sequera, do prego de condicións”.

“Tampouco se sabe nada do informe xurídico sobre a situación legal do MUPAV a pesar de que a alcaldesa se comprometera no pleno de novembro do ano pasado a telo elaborado no primeiro trimestre deste 2021”, explica.

Igualmente, denuncia “o desprezo” do goberno local ao sector hostaleiro, comercial e aos autónomos afectados pola pandemia. “Ben avanzada a pandemia e despois de distintos acordos ao longo do ano incluíndo a aprobación da incorporación dos remanentes o pasado mes de agosto para facer fronte ás axudas; aínda non se saiba nada tampouco deste asunto”.

Os populares, conscientes de que algúns acordos exceden o ámbito das competencias ou que a execución doutros depende de expedientes que deben ser tramitados por diferentes órganos municipais; explican que “a execución dos acordos de competencia municipal presenta problemas mínimos cando o equipo de goberno conta con maioría absoluta na corporación”. Se ben “esta circunstancia se daba debido ao pacto de goberno entre o PSOE e Vilalba Aberta, coa ruptura do pacto de forma unilateral por parte da alcaldesa que nunca chegou a explicar; os socialistas gobernan en minoría e todos podemos apreciar a súa incapacidade por sacar adiante cuestións de interese prioritario para o Concello”.

FIV

Os populares sinalan que “o Concello de Vilalba creou fai máis dun ano unha plataforma propia para a venda de entradas das diferentes actividades culturais: ww.entradasvilalba.es”. Polo tanto, pedirán explicacións ante o pleno sobre o motivo polo que o Concello de Vilalba contratou unha nova –Wegow- para a venda de entradas do FIV.