Skip to main content
Axenda Caducada

Organizan en Palas un curso sobre plantacións de castiñeiro

Por 6 Outubro, 2021Outubro 11th, 2021Sin comentarios

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza a semana que vén varias xornadas formativas orientadas a mellorar as plantacións de castiñeiro. Impartidas polo departamento de Protección da Calidade Diferenciada da Agacal, todas contarán cunha duración de catro horas en horario de tarde.

As primeiras accións -previstas na Casa da Cultura de Palas de Rei o luns 11 de outubro e no polideportivo do Bolo o mércores 13- buscan que os produtores de castiñeiro en froito orienten as súas plantacións aos mercados actuais, cunha visión global dos coidados e dos mantementos precisos para acadar unha mellora na saúde e na produción da castaña. Nesa liña, ensinaránselles aos participantes os distintos tipos de enxerto e as razóns para enxertar, así como os obxectivos das diferentes podas e as ferramentas necesarias para levalas a cabo.

As outras dúas xornadas -previstas no auditorio do centro social de Mondariz o xoves 14 de outubro e no local social de Abades, en Silleda, o venres 15- perseguen que os produtores proxecten as súas plantacións de castiñeiro en función das zonas e do destino final do produto, manténdose ao día sobre novidades, investigación ou tratamentos actualizados de doenzas. Así, no programa constan contidos sobre variedades priorizadas ou condicións do solo no eido da planificación, sobre rozas ou replanteo no caso da repoboación, sobre o peche perimetral ou sobre outras recomendacións referentes ao rego ou á fertilización.

As xornadas están dirixidas en xeral a persoas vinculadas profesionalmente coa agricultura, a gandería, a industria agroalimentaria e o sector forestal ou con expectativas de incorporación, en especial mozos e mozas do rural galego.

Os interesados en participar nestas accións formativas deberán cubrir o correspondente formulario de solicitude que poden atopar no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Logo poderán remitilo cuberto ao enderezo electrónico formacion.agacal@xunta.gal e facer calquera consulta chamando ao teléfono 881997279.

A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma estes.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que poden consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas.