Skip to main content
Axenda Caducada

Lugo acollerá en outubro a Exposición Filatélica Nacional

Por 20 Outubro, 2021Outubro 24th, 2021Sin comentarios

Arrinca mañá en Lugo a Exposición Filatélica Nacional (Exfilna 2021), organizada pola Sociedade Filatélica Lucense e que se prolongará ata o domingo 24 de outubro.

O colectivo salienta que acoller Exfilna suporá para Lugo converterse en “importante foco de atención para coleccionistas, afeccionados e para o público xeral”. Lembran ademais que se trata dunha “vella aspiración” da cidade “que leva perseguindo desde os anos 60”, e que só conseguiron Santiago de Compostela no ano 1965, A Coruña en 1976 e Vigo en 2001.

A Exposición Filatélica Nacional ten dúas vertentes fundamentais. Por un lado, a propia exposición, que se centra na promoción da filatelia como un valor cultural e económico, buscando a difusión desta afición e, por outro, o Campionato de España de Filatelia, que se organiza nas clases Oficial, Maestra e Competición.

Correos, principal patrocinador de Exfilna, emite ademais cada ano unha folla bloque conmemorativa dedicada á cidade na que se realiza a mostra, “e outras emisións durante o período que serán claves para que Lugo se vexa recoñecido a nivel nacional e internacional, xa que non podemos esquecer que a filatelia española é mundialmente recoñecida, admirada e incluso codiciada a nivel de coleccionismo”, destacan desde a Sociedade Filatélica Lucense.

Exfilna 2021 desenvolverase en tres escenarios: unha carpa na Praza de Santa María, o salón rexio do Círculo das Artes e a sala de exposicións do Pazo de San Marcos. Reunirá coleccións de 82 participantes, organizadas en máis de 500 marcos expositores e sumando 80.000 follas de selos, de todas as clases de competición.