Skip to main content
Axenda Caducada

Organizan un curso sobre castiñeiros de froito na Fonsagrada

Por 26 Outubro, 2021Outubro 29th, 2021Sin comentarios

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), desenvolverá esta semana no concello da Fonsagrada un curso sobre os castiñeiros de froito.

Así, o curso previsto na Fonsagrada, terá lugar o vindeiro venres 29 de outubro en horario de tarde (16:00 a 20:00 horas) no salón de actos do concello. Esta acción formativa centrarase na planificación e o deseño das plantacións de castiñeiro de froito, en función das zonas e do destino final do produto. Ademais de complementar a formación dos produtores de castaña sobre as novidades de investigación, na xornada tamén se abordarán os tratamentos das árbores, as tendencias técnicas e de mercado, as variedades e portaenxertos, entre outros temas.

Canto aos participantes, a acción está dirixida en xeral a persoas vinculadas profesionalmente coa agricultura, a gandería, a industria agroalimentaria e o sector forestal ou con expectativas de incorporación, en especial mozos e mozas do rural galego.

Os interesados en participar nestes cursos deberán descargar as solicitudes de asistencia correspondentes que atoparán no seguinte enlace: https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/formacion/formacion-continua/plan-de-formacion-2021. As solicitudes de asistencia deben remitirse cubertas ao enderezo electrónico formacion.agacal@xunta.gal con indicación do curso de preferencia e pode solicitarse calquera información adicional chamando ao teléfono 881 997 279.

A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este. Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas.