Skip to main content

Por Raúl Río

Sara Veres Vázquez, mais coñecida por Sara do Pazo, naceu en 1925 na casa de Vicentiño, na aldea dos Ramos, dos Vilares de Díaz Castro; bordadora e tendeira, que a pesar da súa idade é unha gran lectora deste noso periódico.

No ano 2019 a Asociación Lareira de Soños quixo distinguila como Trapeira de Honra, distinción moi merecida e acertada, pois malia que nunca exerceu ese oficio ambulante tan arraigado na parroquia, sempre andou entre telas e trapos na tenda que tiña ela e aínda ten agora a súa filla Nonita no lugar de O Pazo, onde está o pazo no que a condesa de Camarasa almacenaba os tributos que recollía na parroquia e onde se atopa o busto de Díaz Castro, ollando cara ó seu Vilariño natal.

De nena, gustáballe a escola e aos catro anos dixo que quería ir a escola con súa irmá Áurea. Despois, tanto o mestre, don Andrés, como a mestra, Anxelita Bermudez, querían que estudara, pero ao morrer seu pai  aos corenta e catro anos e seu irman Eugenio con vinte e cinco non había posibilidades económicas para facelo e os avós pensaban que non estaba ben estudar a uns e a outros non. Sen embargo, sabía que era moi delicada para realizar os duros traballos do campo, polo que estaba disposta a emprender outro camiño para buscar unha saída. Incluso despois, cando se escribía coas mestras que tivo, díxolle nunha carta a Anxelita que tiña pensado meterse monxa, pero a mestra díxolle que non, que era moi nova, que tamén ela o estaba a pensar, pero que non se lle ocorrera tan axiña.

Primeiro seica acordou con unha veciña irse para A Coruña e buscar traballo de criadas nalgunha casa, pero ao pouco tempo a veciña atopou mozo e negouse a saír. Ela seguía teimando en irse pero súa nai non a deixaba ir soa, polo que foron as dúas e na Coruña atoparon con unha señora que lle aconsellou que aprendera a bordar coa máquina. Quedouse alí un tempo aprendendo e cando volveu estivo un mes bordando na casa de Soprón de Vilarchán, que se ían para Bos Aires, pero ao rematar alí tiña que buscar outra saída, pois pensaba que ninguén lle ía encargar bordados a súa casa dos Ramos.

Un día díxolle María, a irmá de Díaz Castro, que fora por onde Clara dos Manchás, que seica quería falar con ela. Clara tiña unha taberna fronte o Pazo e o seu marido, Benedito, tivera unha xastrería e agora andaba de tratante de becerros, polo que a Clara non lle daba tempo de atender a taberna, coidar as vacas e os nenos e nenas que tiña, díxolle que si andaba buscando sitio para bordar que se viñera para alí, que aínda lle podía ensinar algo ás nenas e que lle deixaba a xastrería, que quedara valeira cando Benedito se dedicou ao trato do gando. Ao pouco tempo Sara viu que so bordando non se defendía e deixáronlle vender no local calcetíns, mercería e cousas para as modistas.

Era unha muller emprendedora, e conta a súa sobriña Pastora Veres no seu interesante libro “Lareira de Soños”, que ao primeiro quedouse sen cartos e foille pedir cincocentas pesetas a Isidro do Vilariño, o pai de Díaz Castro, cos que se levaba moi ben. Con eses cartos seica empezou a traer roupa, teas e sabas, que logo ela bordaba co nome da cliente; tergal e algodón para tecer.

A primeiros dos anos cincuenta, Clara e Benedito trasladáronse a Guitiriz, montando na rúa da Estación o restaurante e hostal “Benedicto”, quedando Sara soa coa súa tenda na casa do Pazo.

En 1960 desbotou para sempre os hábitos de monxa, hábitos que si colleu pouco despois a súa mestra Anxelita, xa que foi nese ano cando se casou con Camilo de Lagares; matrimonio do que saíron tres fillos: Anxelín, Nonita e Xoán Carlos, que xunto con Pili García, rexenta o emblemático e histórico bar “Gaibor” de Guitiriz.

Ao casarse puxeron tamén unha taberna onde antes a tivera Clara e que agora atendería Camilo cando estaba na casa e ela cando el saía aos trapos, ás sedas das bestas e, mais tarde, ás antigüidades. Tamén pensaron en mercar un piso en Guitiriz, pero ao final, en 1962, decidiron mercarlle a casa a Clara e Benedito e quedarse alí para sempre.

Naquela tenda había algo de todo, e alí mercabamos libros, libretas, pizarras de lousa enmarcadas en madeira, bolígrafos e plumas estilográficas para a escola. Grazas a ela non tíñamos que ir a Guitiriz ou a Lugo para vestirnos e ir á moda, pois nesa  tenda mercaron roupa e moitas outras cousas todas as veciñas dos Vilares e das parroquias do arredor. Alí mercaba miña nai as teas coas que me facía as camisas, outras mais fortes coas que me facía os pantalóns Amadora do Laxoso e os fíos de algodón de distintas cores, cos que me tecía os xerseis Xosefa da Punxas de Vilargabín. Un gran mercado que aínda goza de boa saúde nestes tempos; competindo cos grandes monopolios e superficies comerciais, grazas á dedicación da súa filla Nonita e a fidelidade das veciñas da parroquia e das parroquias do lado.