Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

As rupturas matrimoniais diminúen en Galicia un 8% respecto a 2019

Por 3 Outubro, 2021Sin comentarios

Os xulgados galegos rexistraron 1.354 demandas de ruptura matrimonial (separacións e divorcios) no segundo trimestre do ano, un 8% menos que no mesmo período de 2019, antes da pandemia, cando se presentaron 1.471. Con todo, se a comparación a realizamos co ano pasado, aumentaron un 55,3 % debido ao efecto da crise sanitaria, que situou ao segundo trimestre de 2020 como o que presentou a cifra historicamente máis baixa de demandas de ruptura matrimonial (872).

No Estado, segundo os datos recolleitos polo servizo de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial, o número total de demandas de ruptura matrimonial presentadas entre abril e xuño deste ano foi de 26.752, un 6 % menos que en 2019 e un 62,2 % máis que en 2020. Poñendo en relación as rupturas coa poboación ao 1 de xaneiro de 2021, obsérvase que por cada 100.000 habitantes en Galicia contabilizáronse, no período estudado, 50,3 demandas, fronte ás 56,5 de media estatal.

Os datos tamén reflicten que, na comunidade, en comparación co ano anterior á pandemia, pois as cifras de 2020 están afectadas pola incidencia da crise sanitaria, diminuíron tanto os divorcios consensuados (de 840 a 804, un 4,3 %) como os non consensuados (de 576 a 507, un 12 %). En relación coas separacións consensuadas, pasaron de 39, en 2019, a 31 no segundo trimestre deste ano, cando este rexistráronse 12 non consensuadas, fronte ás 16 de 2019. Neste período non se rexistrou ningunha petición de nulidade matrimonial.

Entre o 1 de abril e o 30 de xuño iniciáronse 183 procedementos de modificación de medidas consensuadas, un 4,6 % máis que no mesmo período de 2019 (175). No segundo trimestre de 2019 e de 2021 rexistráronse as mesmas demandas de modificación de medidas non consensuadas (477).

En canto aos procedementos de garda, custodia e alimentos de fillos non matrimoniais, rexistráronse 354 demandas de modificación de medidas consensuadas, fronte ás 264 do segundo trimestre de 2019, o que supón un aumento do 34 %; e 350 demandas de modificación de medidas non consensuadas, practicamente as mesmas que en 2019, cando se contabilizaron 356.