Skip to main content
Comarca RIBEIRASACRAXA

19 traballadores actuarán nos concellos da Ribeira Sacra da provincia de Lugo para prever incendios

A Xunta de Galicia destina 305.500 euros a financiar a contratación de 19 traballadores desempregados nos concellos das comarcas de Chantada, Quiroga e Terra de Lemos, para realizar tarefas principalmente relacionadas coa prevención de incendios.

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración xa notificou a resolución do programa Aprol Rural aos municipios beneficiarios, que son practicamente todos excepto a capital; con carácter xeral outorgáronse achegas para financiar entre un e dous contratos en cada caso.

Todos os concellos da zona sur da provincia sumarán persoal; en concreto, contratarán a dous traballadores máis en Quiroga, Folgoso do Courel, A Pobra do Brollón, Monforte de Lemos, O Saviñao, Taboada e Ribas de Sil, e un máis en Pantón, Sober, Chantada, Carballedo e Bóveda.

Este programa diríxese a que concellos rurais, ben de maneira individual ou conxunta, contraten persoas demandantes de emprego, de forma que dinamiza o emprego local e proporciona experiencia e práctica profesional aos colectivos con maiores dificultades para acceder ao mercado de traballo.

Os traballadores incorporados destinaranse á realización de tarefas relacionadas maioritariamente coa prevención de incendios nas faixas secundarias: planificación preventiva, valorización forestal, silvicultura, limpeza de montes ou xestión da biomasa.