Skip to main content
Lugo

Entrevista: “A fábrica que montamos está pensada para continuar despois da pandemia”

Por 24 Outubro, 2021Sin comentarios

Eduardo Vázquez Río é o responsable de Vrio Pack e VP Mascarillas

A chegada da covid supxuo un duro revés para a economía mundial e tamén trouxo aparellado un problema grave de subministros médicos, cando de repente toda a poboación mundial tiña que poñerse máscara para protexerse do virus. Dende o minuto un a empresa luguesa Vrio Pack púxose mans á obra para comezar coa produción de máscaras e poder facer fronte a unha demanda que aínda non diminúe. Así naceu VP.

Cando comezou a actividade de VP e por que?

Nós empezamos co proxecto de máscaras o ano pasado no mes de abril aproximadamente. Comezamos con esta cuestión porque nos facían falta e non as podíamos conseguir para a empresa. Compramos unhas naves, as primeiras máquinas e materiais e sobre o mes de agosto xa fabricamos as primeiras máscaras.

Onde se atopa a empresa?

A empresa está na avenida Benigno Rivera, número 64, en Lugo. Esta avenida é a que vai dende a NVI á autovía.

Como foi evolucionando VP?

Nós montamos unha empresa pensada para seguir dende que se acabe a pandemia porque cando iso ocorra seguirá habendo moita xente que continúe consumindo este produto. Xa o había antes. Algún exemplo diso son os hospitais, os matadoiros, as fábrica de conservas e moitas outras empresas que xa consumían máscaras antes. A fábrica que montamos está pensada para continuar despois da pandemia e, de feito, conta cunha sala branca para poder fabricar máscaras cirúrxicas 2R.

Estas están, actualmente, certificadas pola Asociación Europea de Medicamentos e Produtos Sanitarios, algo que nos permite vendelas a calquera. Este tipo de máscaras cirúrxicas 2R son a máxima categoría que teñen as cirúrxicas e permítese vendelas tamén a hospitais. Ademais desas, temos dous modelos diferentes das máscaras EPI tipo FFP2; o modelo tradicional que ve todo o mundo en forma de “pico de pato” e o modelo Ari ou tamén chamado modelo coreano porque son as que máis se usan nese país, sendo ese, un dos países do mundo onde máis máscaras se usan. Todas as nosas certificacións e todo o que facemos está pensado par continuar, cunha maior ou menor produción segundo o demande o mercado.

En que destaca e cales son os puntos fortes da empresa?

Neste sentido hai que destacar os materiais que empregamos, que son os mellores que se poden conseguir no mercado, tanto en protección coma en filtro. De feito, tanto nas máscaras cirúrxicas coma nas FFP2 engadimos na parte exterior e interior polipropileno 100%, que impide que calquera salpicadura pase para dentro. A calidade é a nosa prioridade e sempre intentamos que todo o que facemos dea unhas garantías de compra totais á persoa que adquire o produto. Un exemplo diso son os peches das caixas de máscaras. Estas contan cunha lámina que garantiza á persoa que o compra que ninguén manipulou a máscara anteriormente. Hai que ter en conta que nós neste ámbito somos inexpertos dentro das empresas que levan 20 ou 30 anos. Sen embargo, queremos crecer e ir desenvolvendo diferentes cousas novas. Un exemplo disto é que nun futuro queremos intentar que a máscara que se faga sexa 100% biodegradable e compostable.

Cales son os principais clientes de VP?

Na actualidade fabricamos moitas máscaras para persoas que firman con outro nome. Aínda que teñan outro nome que non é o noso comercial -VP-, no apartado onde pon o fabricante, si que pon o noso nome. Nós fabricamos para estas empresas que se dedican posteriormente á venda destas máscaras e é por esta razón que poñen outro nome. Ademais diso, temos o noso propio mercado. Temos unha tenda nas propias instalacións da fábrica onde vendemos ao público. Xunto a iso, temos unha gran cantidade de consumidores finais: hospitais, fábricas de automóbiles, de conservas, de aluminio, matadoiros, etc.

Onde reparten os seus produtos?

Agora mesmo, a capacidade de produción que temos non nos permite saír ao estranxeiro, polo que vendemos o 100% dos nosos produtos en España. De feito, estamos instalando agora mesmo seis liñas de produción novas para a venda nacional de cirúrxicas. En España montáronse moitas empresas para fabricar máscaras, sen embargo, na súa maioría son para FFP2 xa que para fabricar este produto non é preciso ter sala branca. Polo tanto, a inversión que hai que facer para montar unha fábrica de máscaras FFP2 é moito menor que para fabricar máscaras cirúrxicas onde as esixencias son maiores. Por esta razón, en España tan só existen sobre sete ou oito empresas que fabriquen máscaras cirúrxicas. Tamén hai que destacar que o consumo de estas na actualidade é moito maior, véndense 10.000 cirúrxicas por cada 2 ou 3 FFP2.

Cales son os plans de futuro da empresa?

Nós témolo moi claro. Actualmente, temos máscaras cirúrxicas para os máis pequenos e para adultos, temos os dous modelos de FFP2 e imos sacar ao mercado un terceiro modelo de estas e máscaras EPI tipo FFP3, que son unhas máscaras específicas para hospitais. Así mesmo, cando esta situación acabe, que nós somos os primeiros que temos interese niso, faremos diferentes tipos de máscaras para cada sector, en función das esixencias concretas que se teñan. Ese é o noso obxectivo para ir entrando pouco a pouco neses sectores para vender máscaras. Nese momento, ademais, o consumo xa será máis relaxado e poderase ir entrando no mercado exterior, así coma ir evolucionando pouco a pouco.