Skip to main content
Lugo

Tramitados 440 expedientes para reclamar a limpeza das parcelas urbanas

Por 6 Outubro, 2021Sin comentarios

O Goberno municpal de Lugo leva iniciados 440 expedientes por acumulación de maleza en predios particulares, tanto urbanos como rurais, para instar aos seus propietarios a mantelos limpos.

Do conxunto das ordes de execución emitidas, 82 delas afectan a parcelas rurais e as demais se corresponden coa zona urbana, sendo as máis numerosas as que se notificaron en San Fiz (43), O Carme (27), Piringalla (23), Fontiñas (17), ou na Abella (16).

De todos eles, 146 soares xa foron debidamente acondicionados e no caso dos restantes atópanse nalgunha das fases da tramitación (notificación, comprobación, alegacións, etc).

Este procedemento iníciase coa comunicación á ou ao titular dos terreos en desleixo e continúa co trámite de audiencia polo prazo de 15 días, ben para que formulen as alegacións que estimen oportunas e presenten os documentos e xustificacións que consideren pertinentes, ben para que executen as actuacións sinaladas para o que disporán doutros 15 días.

Dende o Concello aseguran que “este escrito inicial está sendo, en moitos casos, estímulo suficiente para que os donos actúen pero, cando non é así, o Concello está procedendo tamén á execución forzosa de forma subsidiaria previa imposición de multas coercitivas que poden ir dende os 1.000 euros até os 10.000”.

O edil de Medio Ambiente puxo de manifesto igualmente que, de xeito parello, esta área está a facer o propio nas parcelas e vías municipais para eliminar a vexetación. Un cometido que se executa nun total de 50 soares distribuídos pola capital.