Skip to main content
Lugo

O Xulgado finaliza a investigación da Pokemon, que conta con 13 sospeitosos

Por 8 Outubro, 2021Sin comentarios

O instrutor entende que o servizo do guindastre se adxudicou a cambio de pagos por parte da empresa, que tiña unha Caixa B. O exteniente de alcalde de Lugo e expresidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil recibiu cartos da adxudicataria, segundo o auto.

O Xulgado de Instrución número 1 de Lugo concluíu a investigación da peza principal da operación Pokemon, que consta de ao redor de 170.000 folios. O maxistrado entende que hai indicios de delito na concesión do servizo do guindastre por parte do Concello de Lugo á empresa asturiana Cechalva, en 2005, así como da existencia dunha Caixa B na compañía para realizar os pagos pactados por conseguir a adxudicación do servizo.

O instrutor ordenou que a causa se siga contra trece persoas, entre elas o expresidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e extenente de alcalde do Concello de Lugo, por se os feitos que se lle imputan fosen constitutivos, entre outros, de delitos de suborno, violación de segredos, negociacións prohibidas a funcionarios públicos, falsidade en documento mercantil e branqueo de capitais. Entre os outros doce imputados figuran a súa muller e varios empresarios. Respecto ao resto de investigados, o instrutor decretou o sobresemento e arquivo da causa.

O maxistrado acordou no auto, contra o que cabe presentar recurso ante a Audiencia Provincial de Lugo, dar traslado ao Ministerio Fiscal e, no seu caso, ás acusacións persoadas para que no prazo de dez días soliciten a apertura de xuízo oral ou o sobresemento da causa, sen prexuízo de que poidan pedir, excepcionalmente, a práctica de dilixencias complementarias que consideren indispensables para formular acusación.

Adxudicación guindastre

O xuíz asegura que desde que o Concello de Lugo iniciou as xestións internas para a licitación do contrato, os investigados “coñeceron de forma ilegal, antes que ningún outro eventual licitador, información relevante sobre o procedemento”. Así, entende que “todas as irregularidades e incumprimentos previos, coetáneos e posteriores á adxudicación do contrato a Cechalva foron consentidos, precisamente, polo acordo que tiña a empresa co tenente de alcalde”, quen era “coñecedor da trama”, tiña capacidade decisoria sobre a concesión e revelou datos para favorecer á empresa, da que presuntamente obtiña “importantes cantidades económicas como contraprestación, así como participación camuflada a través de homes de palla”. 

Os feitos referentes á adxudicación do guindastre, segundo o auto, poderían ser constitutivos de delitos de suborno, violación de segredos e negociacións prohibidas a funcionarios públicos, dos cales serían responsables, ademais do primeiro tenente de alcalde, tres socios da empresa ( J.P.C.E., J.L.A.A. e M.S.G.); D.A.L. e J.M.R., a quen o xuíz atribúe ser a “ligazón” entre Cechalva e o político implicado.

No auto, o maxistrado sostén que hai indicios de que os socios da compañía “se comprometeron a abonar en efectivo a cantidade de 2.000 euros mensuais para pagar ás autoridades do Concello de Lugo como gratificación pola adxudicación do servizo de guindastre”. Aínda que o xuíz afirma que  J.M.R. lles fixo crer que eses cartos irían destinados ao alcalde, en realidade, “entregábanse en efectivo a J.M.R., que era o encargado, á súa vez, de darllo en man ao tenente de alcalde, ata 2009, e, desde 2009, presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil”. En total, pagaron da Caixa B da empresa, segundo indica o xuíz, 2.000 euros ao mes durante os anos 2006, 2007, 2008, 2009 e os primeiros sete meses de 2010, o que supón un total de 110.000 euros.

Co obxectivo, segundo o instrutor, de dispoñer de diñeiro en efectivo co que facer fronte a eses pagos, os investigados crearon dúas contabilidades. O obxectivo, segundo o maxistrado, era “xerar cantidades de cartos que quedasen á marxe do ciclo tributario, mediante a creación de facturas ficticias ou a contabilización indebida doutras facturas” e lograr obter beneficios fiscais. Segundo os informes da Unidade de Vixilancia Aduaneira, os imputados, socios de Cechalva, contaban coa colaboración dalgunhas empresas e profesionais que lles facilitaban facturas falsas.

Estes feitos poderían ser constitutivos, segundo o xuíz, dun delito continuado de suborno, no que terían participación os investigados F.F.L.,  J.M.R., M.S.G., J.L.A., J.P.C. e D.A. Ademais, tamén aprecia un posible delito contable continuado, no que participarían Cechalva, os socios da empresa e outros dous investigados; e un delito continuado de falsidade en documento mercantil, cometido por todos eles e no que colaborarían outras dúas persoas investigadas.

O xuíz tamén entende que todos os investigados nesta trama poderían incorrer nun delito de estafa por constituír facturas falsas que motivaron que o Concello tivese que pagar á adxudicataria da guindastre cantidades superiores ás que lle corresponderían.

Facturación e contabilidade falsas (Sanle)

Por outra banda, un dos socios de Cechalva (M.S.G.), segundo o auto, “levou a cabo comportamentos contables moi similares aos da concesionaria” a través dunha construtora. Por iso, o xuíz considera que puido incorrer nun delito contable e noutro de falsidade en documento mercantil. Ademais, M.S.G. tamén podería cometer un delito de prevaricación administrativa, do mesmo xeito que un dos funcionarios investigados, en relación coa adxudicación de obras públicas de saneamento.

Branqueo de capitais

O xuíz considera que existen indicios de que, entre os días 4 e 5 de xuño do ano 2012, o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, “coa finalidade de ocultar a orixe ilícita das súas ganancias así obtidas”, ingresou en contas diñeiro “que recibira sen xustificación por parte de empresarios e sociedades, durante o tempo que desempeñou o cargo de concelleiro e presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, a cambio da adxudicación de diferentes contratos públicos”.

O instrutor tamén asegura que existen indicios de que o investigado F.F.L.; a súa esposa e un empresario (M.G.G.), a propósito da orixe ilícita deses ingresos, “non só se beneficiaron, senón que levaron a cabo determinadas operacións tendentes a introducilos no tráfico xurídico de forma aparentemente regular, como a adquisición de inmobles, participación en sociedades e outras, realizándose multitude de operacións en efectivo”. Todo iso sería constitutivo, segundo o instrutor, dun delito de branqueo de capitais.

Ademais, tamén indica que consta indiciariamente acreditado que o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, en abril de 2009, recibiu dun empresario (M.G.G.) un reloxo valorado en 4.000 euros. Estes feitos poderían ser constitutivos dun delito de suborno.