Skip to main content
Monforte

O PP e o PSOE non chegan a acordo en relación ao Porto Seco de Monforte

Por 22 Outubro, 2021Sin comentarios

A portavoz de Infraestruturas e Transporte do Grupo Socialista, Patricia Otero, denunciou a “tomadura de pelo do goberno galego, que leva orzamentando os mesmos 750.000 euros para os accesos ao Porto Seco de Monforte, sen executar dende a inauguración deste complexo en 2014″. Otero presentou unha iniciativa na Comisión de Ordenación Territorial do Parlamento para reclamar a execución da obra pendente, pero que foi rexeitada polo PP.

Otero sinalou que o Porto Seco leva “demasiados anos estancado, xa que sete anos despois da súa inauguración non existe instalada ningunha empresa” precisamente porque carece dos accesos necesarios coa N-120 a través dun tramo de menos de 1 quilómetro. Actualmente, o único acceso é co viario Monforte – Pobra de Brollón, unha estrada “estreita e pouco axeitada para o volume de mercadorías que deberan circular polo Porto Seco”.

Acusou á Xunta de ter “totalmente abandonada unha infraestrutura que é da súa competencia e ademais ten unha enorme importancia dende o punto de vista estratéxico e económico para o eixo interior e tamén para a fachada marítima e o conxunto dunha eurorrexión na que residen 7 millóns de habitantes”. Así o ten sinalado, dixo, o informe elaborado polo Eixo Atlántico en 2016 sobre o Porto Seco.

Otero tamén reclamara a construción do peirao de carga e descarga, un dispositivo “fundamental para que o parque industrial se poida considerar intermodal, xa que sen un sistema así non sería posible o transvase de mercadorías operativo entre a terminal ferroviaria e as parcelas acondicionadas ao seu lado”.

Finalmente, acusou ao PP de presentar unha emenda a esta iniciativa “co único obxectivo de botar balóns fora e sinalar ao goberno central tamén para as infraestruturas que son competencia exclusiva da Xunta de Galicia”. Reclamoulle que “deixen de enganar ao pobo de Monforte, rematen os accesos cumprindo coa Lei e constrúan a plataforma intermodal”.

Polo seu lado, o deputado do Grupo Popular José Manuel Balseiro solicitou no Parlamento galego ao Goberno central que “desbloquee a execución da segunda fase da conexión do Porto Seco de Monforte coa estrada N-120, de xeito que a Xunta poida executar estas obras, para as que xa ten consignada unha partida orzamentaria de 750.000 euros”.

Balseiro considerou “un sinsentido que os socialistas galegos pidan que a Xunta faga novos investimentos nas instalacións do Porto Seco, cando resulta imprescindible para a súa operatividade e posta en funcionamento resolver a súa conexión coa N-120”. Ademais, lembrou que o proxecto do Porto Seco xa inclúe unha plataforma intermodal para a carga e descarga de marcadorías, que ocupará unha superficie superior aos 10.000 metros cadrados.