Skip to main content
Quiroga

Quiroga realiza obras en instalacións deportivas do concello

Por 9 Outubro, 2021Sin comentarios

O campo de fútbol San Martiño e as Pistas Multideportivas do parque da Constitución no Concello de Quiroga van ser obxecto dunha importante reforma na que se investirán preto de 100.000 euros. Serán dúas fontes de financiamento distintas coas que se conte para realizar estes traballos de mellora.

Por unha parte a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia aportará 48.394 euros, mentres que do Plan Único da Deputación Provincial de Lugo investiranse outros 48.387´90 euros.

Neste proxecto de mellora do campo de fútbol inclúese a remodelación da herba do campo de xogo, colocando un novo sistema de rego e replantando o céspede. Tamén se acondicionará o campo de adestramento coa colocación dunha capa de terra vexetal e a sementa de céspede. O proxecto inclúe tamén a roza e retirada de maleza e a retirada de escombros dunha cancha demolida. Ademais traballarase no peche do recinto co levantamento dun muro de bloque e a colocación dunha rede.

Aínda que con labores de mantemento habitualmente, o campo do San Martiño non acolleu grandes remodelacións dende hai unha década cando se construíron os novos vestiarios, se acondicionaron as gradas e se asfaltou o aparcamento. Coa intención de atopar financiamento para renovar a zona de xogo, xa que o céspede non se levantou dende finais dos anos 90, foi polo que xa no ano 2019 o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, e o concelleiro de deportes, Andrés Novoa, se reunían co Secretario Xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa.

O inicio destas obras está previsto para estes días, polo que o equipo de fútbol Quiroga F.C. que está a piques de comezar a liga na segunda autonómica non poderá disputar ningún partido na casa polo menos ata o mes de xaneiro.

En canto ás melloras proxectadas nas pistas multideportivas do parque da Constitución, xa se realizou a roza e limpeza do talude da parte de abaixo e agora vaise substituír a malla inferior e cerrarase a pista con madeira tratada. Ademais estase traballando na posibilidade de cambiarlle o pavimento por un novo de céspede artificial.