Skip to main content

A Consellería do Medio Rural achegará 256.000 euros aos apicultores da provincia de Lugo a través da orde de axudas para mellorar a produción e comercialización dos produtos da apicultura.

A convocatoria vai destinada a particulares titulares de explotacións apícolas, cooperativas, organizacións representativas e asociacións de apicultores con personalidade xurídica propia. En Lugo recibirán estes apoios a Asociación Provincial Lucense de Apicultura, Mieles Anta, Pazo de Lusío, Gosto Produtores e un particular.

Ademais, entre os beneficiarios hai asociacións a nivel galego que tamén agrupan a produtores da provincia de Lugo. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica todos os detalles da resolución, que no conxunto da Comunidade distribuirá 1,3 millóns de euros entre 24 adxudicatarios, sendo o total de apicultores beneficiados por estas axudas de 1.949, 514 deles da provincia de Lugo.

Con estas axudas, a Xunta financia seis liñas de actuación: asistencia técnica e persoal de administración, así como cursos ou xornadas e actividades divulgativas (só para agrupacións de apicultores); loita contra as agresións e enfermidades das colmeas; racionalización da transhumancia; medidas de apoio aos laboratorios de análise de produtos apícolas para axudar ás persoas apicultoras a comercializar e valorizar os seus produtos; repoboación da cabana apícola e seguimento de mercado.

Como novidade, este ano apóiase a adquisición de métodos para a captura, eliminación e control da avespa velutina, tanto a compra de trampas e atraentes como de fondos sanitarios, reixas excluíntes ou sistemas de protección mediante redes, entre outros

Na concesión das axudas priorizáronse aspectos como a dimensión das explotacións ou a pertenza á IXP Mel de Galicia. Tamén se valorou que as explotacións solicitantes ostentasen titularidade compartida ou a cargo de persoas mozas, que as colmeas se atopasen en zonas desfavorecidas ou que estivesen rexistradas no Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), entre outras cuestións.