Skip to main content
Comarca LUGOXAComarca TERRACHÁXA

O PP reclama a repavimentación da vía LU-P1611

Por 21 Outubro, 2021Sin comentarios

A moción que será debatida na próxima sesión plenaria é froito da rolda de consultas que o portavoz provincial do PP, Javier Castiñeira, leva a cabo cos alcaldes para coñecer que iniciativas cren convinte que sexan incluídas nos orzamentos da Deputación para o próximo exercicio.

A presidenta do PP na provincia de Lugo, Elena Candia, catro alcaldes e un tenente de alcalde acompañaron ao portavoz provincial do partido, Javier Castiñeira, e ao deputado Óscar Poy na presentación en San Romao da Retorta-Guntín, da iniciativa que defenderán os populares no próximo pleno da Deputación para instar a repavimentación e mellora da estrada provincial LU-P 1611, que constitúe o chamado cinto comarcal. Á presentación desta proposta asistiron a alcaldesa de Guntín, María José Gómez, e os alcaldes de Friol, José Ángel Santos; Begonte, José Ulla, e Outeiro de Rei, José Pardo; o alcalde de Palas estivo representado polo tenente de alcalde Amando Sande. 

A presidenta provincial do PP, Elena Candia, declarou: “A planificación deste investimento é o que nós demandamos normalmente como que a Deputación Provincial ten que ter un modelo de provincia. Determinadas infraestruturas son esenciais, son vertebradoras para a dinamización económica do noso territorio e teñen que ser arranxadas para facilitar a vida dos veciños e veciñas que viven no rural. Todo iso, que de maneira recorrente o presidente da Deputación intenta buscar en ataques absolutamente  inxustificados á Xunta de Galicia, pedímoslle que cando ten a posibilidade de arranxalo, porque está dentro das súas competencias,  que o aplique, que arranque o inicio desta vía, que non é unha demanda só do PP, senón dos veciños e veciñas de todos estes concellos e da capitalidade da provincia tamén”.

O portavoz do PP na Deputación, Javier Castiñeira, explicou que “o grupo provincial do Partido Popular sigue coa súa rolda de entrevistas con diferentes alcaldes da provincia para coñecer cales son as ás súas propostas para os orzamentos da Deputación  do 2022”. Lembrou que “o PP xa se ofreceu ao goberno provincial para traballar  sobre estes orzamentos tan importantes, porque teñen que ser os da recuperación económica”.

Castiñeira explicou: “Concretamente, estamos en San Romao, no concello de Guntín, con cinco alcaldes, que demandan un plan de arranxo do cinto comarcal de Lugo, que é a estrada provincial LU-P 1611. Piden unha solución ao mal estado desta vía de comunicación que, ademais, é unha vía estratéxica que une os seus concellos e outros moitos ao redor da cidade de Lugo, co cal colle tamén gran importancia para os veciños da capital”.

Os populares destacan que esta estrada “é coñecida tamén como a Ruta 66 de Lugo; suma case 130 quilómetros, é unha das máis longas da Deputación de Lugo”. Sinalan: “De todos eses quilómetros, hai moitos que están en moi mal estado, como poñen de manifesto estes alcaldes, que demandan o amaño da vía; así llo fixeron chegar ao presidente da Deputación mediante carta. De momento non recibiron contestación. Os alcaldes queren o compromiso de que no próximo orzamento  se empecen a ver as melloras que son tan necesarias nesta vía tan importante”. Os populares, “buscando o compromiso do equipo de goberno e de todos os partidos que conformamos a corporación provincial, levaremos unha moción ao pleno para que se faga un plan de arranxo desta estrada, que conte con varias partidas nas próximas anualidades”.

Como ben saben os lucenses, “a rede viaria da Deputación está en moi mal estado”, sinala Castiñeira, que declara: “Está mal ata o punto de que é un verdadeiro problema, non só para o equipo de goberno e para o inexistente delegado de Vías e Obras, o señor Tomé, senón para os veciños e para todos os industriais; en xeral para a economía lucense, porque  tal como está nunha parte moi importante en vez de ser unha vía de oportunidades convértese nun obstáculo moi grande para desenvolver a actividade económica da nosa provincia”.

Pola súa parte, a alcaldesa de Guntín, María José Gómez, sinalou: “Para o concello de Guntín esta estrada é esencial, porque vertebra o municipio completamente e é a única vía de comunicación que temos coa autovía, tanto para os concellos colindantes de Friol, Corgo e O Páramo como para nós. Os veciños quéixanse continuamente dos rebentóns debido ao mal estado en que se atopa. É esencial para Guntín o arranxo desta estrada e de todas  as provinciais que están en moi mal estado”.