Skip to main content
Meira

A nova película de Goteira competirá no Festival de Cine de Xixón

Por 30 Outubro, 2021Febreiro 20th, 2022Sin comentarios

Tras sorprender coa súa ópera prima Dhogs (2017), o director galego Andrés Goteira presenta no Festival Internacional de Cinema de Xixón o seu esperado segundo filme: Welcome to ma maison.

A película protagonizada polo actor lucense Igor Fernández, terá a súa premier mundial o próximo 21 de novembro na sección oficial Tierres en Trance.

Welcome to ma maison é unha longametraxe que inicia unha viaxe cara a Los Ángeles para coñecer ao director de cinema Nicolas Winding Refn e, ao non atopar o seu rumbo, camiña cara ao interior do seu protagonista percorrendo a difusa liña entre o actor, a persoa e o personaxe. Un documental experimental construído con imaxes reais, sentimentos sinceros e problemas verdadeiros. Un falso documental, rodado a modo de making of, onde todo o que se nos mostra é 100% real.

“Iniciamos unha viaxe real cara a Refn coa intención de vestilo de cinema. Pero pronto a viaxe real converteuse nunha ficción e a ficción nun problema real”, explica o director. “Nunca pensei facer un documental pero, tras o éxito de Dhogs, soñaba cunha segunda viaxe chea de cinema, de verdade e de sentimentos reais”, conclúe.

ANDRÉS GOTEIRA

Na súa primeira experiencia como director, Andrés Goteira sorprendeu a todo o mundo con DHOGS (2017). Unha película de autor galardoada en festivais de todo o mundo e que se converteu na película máis premiada da historia do audiovisual galego con 13 Premios Mestre Mateo. Na súa segunda película, Welcome to ma maison, o director mergúllase no documental achegando a súa propia visión ao xénero.

A cinta, rodada en galego, castelán e inglés, foi producida por Gaitafilmes en coprodución con Mordisco Films e conta coa subvención da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia, e a Deputación Provincial de Lugo. Ademais da participación da Televisión de Galicia e a colaboración do Concello de Meira e Gadis.