Skip to main content
Vilalba

Vilalba Aberta presentou o seu proxecto político para a Alcaldía

Por 13 Outubro, 2021Sin comentarios

Máis dun cento de persoas acudiron á asemblea de presentación do novo proxecto político de Vilalba Aberta. Baixo o lema Máis que un Partido, o encontro supuxo tamén a posta de largo do que será o primeiro órgano coordinador na historia da formación. 

Así, Vilalba Aberta fixo públicos diante da veciñanza os nomes dos veciños que darán forma á súa Coordinadora e explicou as bases estratéxicas sobre as que se asentará o seu novo proxecto de cara ás Eleccións Municipais de 2023.  

UN EQUIPO COMPOSTO MAIORITARIAMENTE POR MULLERES

Estruturada en once responsabilidades, a cuxa cabeza se atopará Mónica González como nova responsable de organización; a Coordinadora de Vilalba Aberta caracterizase polo grande peso das mulleres (8 fronte a 3 homes) e a importante presenza de xente nova na súa composición.  

Ademais, separa escrupulosamente as responsabilidades institucional e orgánica, consagrando a máxima de unha persoa un cargo, resultando, tal e como explican dende a formación, “unha VA moito máis eficiente á par que coral”.   

“Este paso tan importante para Vilalba Aberta foi moi meditado. Fomos evolucionando, temos moitas ganas e capacidade de  traballo e iso son armas moi importantes”, indicou Mónica González, xa como responsable de organización dun órgano executivo no que tamén estará presente Modesto Renda, en tanto que voceiro municipal da formación, e na que a actual vicevoceira, Mª Xosé Fernández, terá unha responsabilidade clave na actual etapa de negociacións, como nova encargada de Relacións Institucionais.

A traballadora autónoma Tamara Rodríguez será a responsable de Emprego e Desenvolvemento Local e a funcionaria interina de xustiza, Ana Paredes, unha das últimas incorporacións de Vilalba Aberta e, durante anos, unha das cara visibles da Asociación Protectora de Animais “Os Peludiños”, será a responsable de Medio Ambiente e Benestar Animal.

Iria Currás, historiadora e activista LGTBI, estará á fronte de Igualdade; Luís Barrio, bombeiro forestal, será o responsable de Parroquias e o traballador público, Carlos Currás, encargarase de Urbanismo.

O equipo, péchano a educadora social María Pérez como responsable de Educación e Mocidade; a traballadora do Servizo de Axuda no Fogar, María Xesús Ferreiro, á fronte de política social e a pedagoga e recoñecida escritora vilalbesa, María Xosé Lamas, como responsable de Cultura e Lingua. 

PROTAGONISMO VECIÑAL, TRANSVERSALIDADE E CLARA VOCACIÓN DE GOBERNO

Na súa intervención, Modesto Renda, debullou os obxectivos que fundamentan a reorganización interna coa que, explicou, Vilalba Aberta pretende “pór as bases para a construción dun partido-movemento que lle dispute a alcaldía ao bipartidismo”.

Moi crítico coa xestión realizada polos gobernos do PP e do PSOE, nos dous últimos mandatos, lembrou que o novo proxecto de Vilalba Aberta se asentará ao redor de tres eixos: “O protagonismo da xente, a  transversalidade e  unha clara vocación de  goberno, con  traballo, eficiencia, rigor e iniciativa”.

Así, fixo fincapé na vontade de facer de Vilalba Aberta unha organización “cada vez máis transversal”, reforzando o contacto co asociacionismo veciñal, empresarial e cultural. “Queremos sumar cada vez a máis xente, co fin de unir á veciñanza en torno a ideas de sentido común”, apuntou.

UNIDADE E PORTAS ABERTAS

Na asemblea de presentación, confirmouse tamén que Vilalba Aberta concorrerá ás eleccións municipais co seu propio partido instrumental e unicamente coa marca VA, descartando formar parte de ningún “paraugas instrumental” con outras candidaturas ao longo do País. Con todo, Modesto Renda fixo un chamamento á unidade, remarcando que “as portas están abertas e a nosa man está tendida a todas aquelas persoas que antepoñan os intereses do noso Concello por enriba de calquera outro”.

BALANCE MOI POSITIVO DA EXPERIENCIA MICRO ABERTO Á VECIÑANZA

Para presentar o seu proxecto, a formación municipalista deseñou unha grande asemblea de micro aberto a “todas as persoas que desexaran participar”.  “Queríamos dar inicio a esta nova etapa predicando co exemplo. Puxemos en valor a necesidade de darlle voz aos vilalbeses e a experiencia revelou que non nos equivocabamos.”, apuntou Modesto Renda.