Skip to main content
Cervo

Cervo actualiza sistemas e equipamento da depuradora ecolóxica da Fionza

Por 7 Novembro, 2021Novembro 8th, 2021Sin comentarios

O Concello de Cervo vén facer unha actualización de sistemas, equipamento e infraestruturas na depuradora ecolóxica da Fionza. O alcalde Alfonso Villares, xunto coa concelleira de Medio Ambiente, Mali Méndez, e a tenente alcalde, Dolores García Caramés, supervisaron a actuación levada a cabo na depuradora.

As actuacións inclúen un novo sistema de telexestión, que mellora de xeito exponencial o proceso de depuración; a modificación do sistema de desbaste; a ampliación da zona de acceso cunha nova pasarela para o pretratamento; ademais de labores de pintura e mantemento.

Tamén se incluíu a renovación do equipo soprador, a limpeza e renovación do filtro verde da balsa e a incorporación dun módulo flotante, que facilitará futuras actuacións de mantemento.

O investimento total da mellora alcanza a cifra de 105.447 euros, cargados na súa totalidade ás arcas municipais.

Apunta o alcalde Alfonso Villares que “estamos a falar dunha depuradora ecolóxica pioneira en Galicia, posto que ten un mecanismo innovador que aproveita os beneficios das plantas acuáticas en flotación para tratar a auga sen ningún tipo de produto químico. Engade tamén que “esta estación ecolóxica foi unha aposta do noso equipo de goberno xa hai varios anos, en concreto foi executada no ano 2012, e aínda hoxe en día é unha das poucas que existen na nosa Comunidade”.

O rexedor quixo sinalar que “esta obra, que está financiada no seu conxunto por fondos municipais, pódese facer efectiva gracias a unha xestión eficiente dos recursos públicos, que nos permite acadar un remanente na tesourería co que acometer este tipo de actuacións”.