Skip to main content
Axenda Caducada

Adai acollerá este sábado a tradicional poxa de exemplares de Raza Rubia Galega

Por 12 Novembro, 2021Novembro 13th, 2021Sin comentarios

Despois de dous anos, o recinto gandeiro de Adai acollerá este sábado a tradicional poxa nacional de exemplares de Raza Rubia Galega que cada outono celébrase no municipio do Corgo e que este ano alcanza a súa edición número 96. Nesta ocasión, a asociación que preside César Dorado levará á poxa un total de 29 exemplares, 23 xatas preñadas procedentes do centro de recría da granxa Gayoso Castro, ademais de tres xatas e outros tantos machos pertencentes a gandeiros particulares. Os prezos de saída para os exemplares procedentes da granxa da Deputación están fixados en 1.950 euros.

A poxa iniciarase ás doce da mañá, polo que unha hora antes os gandeiros interesados en comprar algún destes exemplares poderán retirar as súas tarxetas no mesmo recinto gandeiro.

Das 26 xatas preñadas presentadas á poxa do sábado, 23 proceden do rabaño de elite do centro de recría da Granxa Gayoso Castro, dependente da Deputación de Lugo, onde en colaboración con Acruga realízase unha selección dos mellores exemplares desde o punto de vista xenético, morfolóxico, produtor e reprodutor. Todas elas teñen categoría “moi boa” ou “máis que boa” no libro xenealóxico, con diferentes cualificacións por encima da media e preñadas de entre catro e oito meses. Todas elas partirán cun prezo de saída de 1.950€.

As outras tres xatas preñadas pertencen ás ganderías de Manuel López Quiroga, Ana Isabel Quiroga Pozo e José Manuel Jacob Diaz. Parten con prezos de saída diferentes que oscilan entre os 1.900 e os 2.500 euros. Tamén difiren no que respecta a as categorías do libro xenealóxico, as cualificacións e a data de preñez, que varía de entre catro e sete meses.

Os tres exemplares machos son de 16, 20 e 21 meses de idade; cunha categoría de excelente ou moi bos no libro xenealóxico, e procedentes das ganderías de María Isabel Veiga Mosquera; Manuel Fernández Rodríguez, de Santa María de Bóveda (Lugo) e da Gandería Santalla. Os prezos de saída, que neste caso fíxanos os propios gandeiros que presentan a poxa os seus exemplares, van dos 1.900 aos 2.400 euros.

Do mesmo xeito que sucede en todas as poxas organizadas por Acruga, os gandeiros que compren algún dos exemplares presentados á poxa, terán unha axuda á compra de Caixa Rural que se traducirá en 300 euros para os machos e en 200 para as femias. Os prezos de saída dos animais serán fixos no caso das xatas procedentes de Gayoso Castro, estipulado en 1.950€, mentres que o dos exemplares dos particulares establécenos os propios gandeiros.