Skip to main content
Baralla

O PSdeG urxe á Xunta a iniciar a mellora da LU-710 no tramo entre Baralla e o enlace coa A-6

Por 26 Novembro, 2021Sin comentarios

A deputada socialista Patricia Otero reclamoulle onte á Xunta que inicie no prazo máximo de seis meses as obras de arranxo da estrada LU-710, no treito que vai entre o enlace da A-6 e Baralla.

O obxectivo desas actuacións sería o de adecuar ese tramo para que conte coas mesma características e anchura de 9 metros que ten o resto da estrada. Para levar a cabo esta iniciativa, o Grupo Socialista tamén demandaba que se habilitase xa a partida necesaria nos orzamentos do 2022.

Patricia Otero lembra que este treito de estrada, debido ás súas características está incluída na rede local, mentres o resto da LU-710 forma parte da rede complementaria. “Esta clasificación” lembrou a deputada socialista, “obedece sen dúbida á situación que sofre historicamente a veciñanza de Baralla: o diferente estado dos dous tramos nos que a Xunta ten dividida esta vía de comunicación”.

Nesta liña, a deputada socialista alertou de numerosas eivas, como o risco de seguridade nunha vía estreita e que en inverno se ve afectada por placas de xeo. A maiores, “padece difícil mobilidade, sobre todo para vehículos grandes e máis cando coinciden en sentido contrario”.

A situación orixinou que o PSdeG presentase numerosas iniciativas “para impulsar unha solución definitiva a este grave problema”. De feito, no ano 2010 a Xunta xa se comprometera a facer as obras necesarias e, a finais de 2017, o goberno galego asegurou que “tiña detectado a necesidade“ de acondicionar esta estrada co fin de ensanchar a plataforma existente e modificar do trazado en curvas ou en rasante.

Porén, Patricia Otero alertou que “catro anos despois desta resposta nada parece ter avanzado” e descoñécense por completo cales son as previsións temporais, técnicas e orzamentarias para resolver o problema.

Agora, a Xunta fala dun proxecto “descoñecido” e que se vincula á existencia de orzamentos procedentes dos fondos Next Generation por importe de 2,3 millóns de euros. Para patricia Otero, a única finalidade desta información é “enganar á opinión pública de baralla na liña seguida habitualmente polo PP: cando as cousas se conseguen, o mérito é da Xunta, e se non se acadan, responsabilizaríase ao goberno do Estado ante unha posible falla de financiamento por esa vía.

En calquera caso, defendeu Patricia Otero, “con fondos Next Generation ou sen eles”, é “irrenunciable e urxente” acometer as actuacións precisas neste tramo na LU-710.