Skip to main content
LáncaraO PáramoPalas de Rei

A Deputación aproba obras en estradas de Palas, Láncara e O Páramo

Por 13 Novembro, 2021Sin comentarios

A Xunta de Goberno aprobou este venres novas obras para mellorar a rede provincial de estradas cun investimento de medio millón de euros. A voceira socialista do Goberno da Deputación, Pilar García Porto, explicou que foi adxudicado o acondicionamento dun novo tramo da LU-P-2901, a vía que conecta Lugo con Palas de Rei, neste caso ao seu paso polo concello palense, e tamén actuacións en dous treitos da LU-P-4304. que conecta A Pobra de San Xiao co Páramo.

Polo que respecta á LU-P-2901, o proxecto conta cun investimento de 175.000€ e consistirá na mellora de 4 quilómetros -dende o punto quilométrico 21,370 ao 25,000, treito no que se acometerá a reapertura de cunetas, a pavimentación do firme con aglomerado e o pintado da vía mediante marcas reflexivas brancas. O prazo de execución é de 9 meses.

Tal e como subliñou a voceira socialista do Goberno, a Deputación xa mellorou este ano outro treito de máis de 2 quilómetros desta estrada, neste caso ó seu paso polo concello de Lugo.

García Porto lembrou que esta estrada “é moi importante para a zona porque dá servizo a moitas parroquias e emprégana peregrinos por situarse ao pé do Camiño de Santiago”.

En canto á LU-P-4304, da Pobra de San Xillao ao Páramo, a Deputación adxudicou por preto de 300.000€ obras en dous treitos, o que vai do punto quilométricos 5,200 ao 5,435 e outro, de máis dun quilómetro, no punto no que esta estrada enlaza coa N-VI ao seu paso por Conturiz. O proxecto inclúe os traballos de movemento de terras e drenaxe, pavimentación con aglomerado, e dotación de beirarrúas e pasos de peóns. Tamén se pintará a calzada mediante marcas reflexivas brancas e instalarase alumeado público. O prazo de execución é de 6 meses.