Skip to main content
Comarca SARRIAXA

Terra e berce de lutieres

Por 7 Novembro, 2021Novembro 13th, 2021Sin comentarios

A comarca de Sarria foi un importante berce de artesáns que se dedicaban á construción de instrumentos. Así mesmo, na actualidade, son varios os sarriaos que destacan polos seus estudos, investigacións e proxectos en relación a este aspecto.

A música é unha manifestación cultural universal que naceu xunto co ser humano. Xunto a isto, atópanse os instrumentos, pezas que se levan construíndo dende fai moitísimos anos a través dun traballo artesanal dificultoso e preciso de experiencia.

Así pois, este é un oficio que naceu fai moitos anos. De feito, a data e a orixe do primeiro dispositivo considerado como instrumento musical está sometido a debate. O obxecto máis antigo que algúns refiren como instrumento musical, unha frauta simple, ten unha antigüidade de entre 42.000 e 43.000 anos. Sen embargo, determinar un tempo en concreto en esta cuestión é moi complicado debido á subxectividade que pode existir en torno ao concepto de instrumento musical.

De todas maneiras, o que está claro é que a existencia de instrumentos dende un primeiro momento é evidente. Ao principio, chegaron os instrumentos primitivos, empregados en rituais coma cerimonias relixiosas. De feito, un instrumento que se pode considerar primitivo son as cornas. Sen embargo, tamén hai que ter en conta que moitos dos instrumentos primitivos foron realizados con peles de animais, ósos, madeira e outros materiais, polo que se desintegran a medida que pasa o tempo e non queda constancia de que existiron.

Ademais, as culturas foron desenvolvendo diferentes melodías e instrumentos para o seu entretemento, algo que permite ver como evolucionaron os instrumentos musicais, en canto a emprego e aplicacións.

De feito, tamén hai que ter en conta que existe unha variedade musical importante grazas as diferentes culturas que se foron desenvolvendo ao longo do tempo. Non todos os lugares contaban cos mesmos materiais nin coa mesma experiencia, polo que os instrumentos e a cultura musical variaba duns lugares a outros.

Na actualidade, esta tradición artesá vive grazas a todas aquelas persoas que continúan realizando e perpetuando oficios populares que eran imprescindibles na provincia. Por outra parte, moitos dos artesáns emerxentes conseguiron renovar esta manifestación cultural a través de innovacións que engaden e que fan que exista unha unión entre o tradicional e o moderno.

Unha das comarcas coñecidas pola construción de instrumentos en Galicia e, sobre todo, en Lugo, era a comarca de Sarria, na que existían moitas persoas dedicadas a este oficio. Esta comarca contou dende sempre cun bo escenario de lutieres que traballaban en instrumentos de diferentes estilos.

De feito, foi un artesán sarriao o que comezou con esta andaina no obradoiro de instrumentos que hai na Deputación de Lugo. Paulino Pérez, natural da aldea de Vilei, en Barbadelo foi o que deu inicio a unha iniciativa “pioneira en Europa” en canto a patrimonio musical. Actualmente, no Centro de Artesanía e Deseño existe unha sala na que se recrea o taller histórico fundado en 1951, coas ferramentas e útiles do propio Paulino Pérez unido aos diferentes traballos de investigación e formación de artesáns.

Posteriormente, o testigo pasou ao seu fillo, Xesús Pérez e, na actualidade, é Luciano Pérez quen dirixe a colección de instrumentos musicais, obxectos sonoros e arquivo documental, situada no Centro de Artesanía e Deseño -Centrad-. Esta colección conta con fondos procedentes da antiga sección de música do Museo Provincial de Lugo e fondos de produción propia que veñen a partir de proxectos de investigación e donacións, entre outras. Así mesmo, a colección tamén conta con fondos documentais e bibliográficos relacionados con este tema.

O sarriao Luciano Pérez continúa coas súas labores de recuperación de instrumentos musicais, e de instrumentos musicais que caeron en desuso. Así mesmo, leva a cabo diferentes investigacións, algo que plasma en exposicións na Centrad ou en exposicións itinerantes que van viaxando a lugares variados. De feito, na actualidade está a levar a cabo unha exposición sobre sete instrumentos construídos a partir de representacións escultóricas en lugares emblemáticos, denominada A memoria do son.

Xunto a eles, outro dos construtores e multiintrumentalista que conta con recoñecemento e que está a levar este tipo de labores e de reconstrucións por toda España e Europa é Abraham Cupeiro. O músico sarriao, comezou no mundo da música dende pequeno e conta con estudos relacionados que o fixeron avanzar pola senda de artesán. Así pois, él, ademais de construír, tamén toca estes instrumentos antigos en concertos únicos nos que está, en moitas ocasións, acompañado de orquestras ou outro tipo de grupos.

Por outro lado, tamén hai que ter en conta a situación da comarca de Sarria a nivel xeográfico. O paso do Camiño de Santiago é un aspecto de carácter importante neste tipo de cuestións xa que, ao fin e ao cabo, son moitas as culturas que pasan cada ano por esa zona. A transmisión de coñecementos e a unión de diferentes culturas fai posible que exista un crecemento importante que se pode ver reflexado en técnicas e variedades, neste caso, a nivel musical.

A memoria do son

O estudo e investigación de instrumentos antigos é un aspecto que se leva realizando durante anos e que garda un interese histórico e cultural importante. Así pois, co fin de dar a coñecer e pór a disposición de todas aquelas persoas que o desexen, pezas únicas levadas a cabo a través de estudos e investigacións, Luciano Pérez, director da colección de instrumentos musicais, obxectos sonoros e arquivo documental, organizou a exposición A memoria do son.

Esta mostra, realizada con fondos instrumentais e do arquivo documental do Centro de Artesanía e Deseño -Centrad-, inclúe sete instrumentos que se empregaron dende o século XII ata finais do XIII, grazas aos cales se pode ampliar o coñecemento do patrimonio musical.

Estes sete instrumentos, entre os que se atopa unha zanfona, unha viola de perna, unha viola de brazo, un organistro, unha cítula, unha xiga e unha rota, son instrumentos construídos a partir de representacións escultóricas en lugares emblemáticos, como é o Pórtico da Gloria ou o Pazo de Xelmírez. Ademais, tamén se realizou un traballo de recompilación importante doutras edificacións coma a igrexa de Portomarín ou San Estevo de Ribas do Miño. Neste traballo, de feito, ademais de estudar diferentes igrexas e mosteiros, tamén se fixo un estudo dos diferentes aspectos externos dos instrumentos musicais.

Ademais, hai que destacar un aspecto relevante da mostra e é que se pode tocar polos espectadores e polos visitantes un dos instrumentos expostos. Grazas a isto, todas aquelas persoas que o desexen poderán interpretar tres partituras do trobador galego Martín Códax. A orixe de Códax relaciónase con Vigo a causa das diferentes mencións que fai o trobador nos seus poemas, datados entre o século XIII e principios do século XIV. Sen embargo, son poucos os datos que existen sobre a identidade de dito personaxe.

Así pois, o instrumento que se pode tocar é un salterio, un instrumento de corda pulsada no que aparecen marcadas as creacións do trobador galego e que se pode interpretar grazas a unha púa. Este instrumento tamén pode ser de corda percutida e consiste nunha caixa de resonancia sobre a que se estenden as cordas que son pulsadas, neste caso, por unha púa. Ademais, é un instrumento que ten a súa orixe en Europa e na Idade Media, sendo representado con frecuencia en ilustracións ou esculturas a partir do século XII.

Por outra beira, hai que destacar a presenta dun crucigrama sobre os diferentes instrumentos e que se reparte na exposición. Este tipo de elementos que son interactivos, conseguen transmitir información de forma máis visual e sinxela.

A exposición estivo en Sarria, no antigo cárcere, ata o pasado 30 de setembro e nela, podíase descubrir, de maneira accesible e sinxela, unha parte da historia musical e a lírica de Galicia, centrada na Idade Media e na súa iconografía. De feito, o seu interese levouse a colexios sarriaos que visitaron a exposición para que os máis pequenos puideran adquirir nocións básicas do que se transmite na mostra.