Skip to main content
Comarca LUGOXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

Continúa a limpeza de estradas na Terra Chá, Lugo e Sarria

Por 2 Novembro, 2021Sin comentarios

A Xunta inicia hoxe novas tarefas de limpeza nas marxes de distintas estradas autonómicas nas catro provincias galegas.

Esta semana iniciaranse novos traballos na autovía de Ferrol-Vilaba (AG-64), ao seu paso polo lugar de Vilallonte, no concello de Narón.

Tamén continuarán estas tarefas de roza e limpeza nas estradas autonómicas da provincia de Lugo, na vía de altas prestacións CG-2.2 Lugo-Sarria, ao seu paso polos municipios de Lugo, do Corgo, do Páramo e de Sarria; e tamén na LU-934, en Friol.

Estas actuacións, que se realizan a través da encomenda a Seaga, completan as que a Xunta realiza ao longo do ano mediante os servizos ordinarios de conservación de estradas. Así, impúlsase a roza de vexetación de dominio público das estradas autonómicas e o apoio aos labores de conservación de zonas verdes en sendas peonís e glorietas. 

As tarefas contribúen á prevención dos lumes, ao eliminar especies pirófilas como o piñeiro, o eucalipto ou a acacia nas marxes das vías de titularidade da Xunta. Dáse así cumprimento á Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, que recolle o obxectivo da rotura da continuidade horizontal e vertical da biomasa, de modo que as estradas actúen con efecto “cortalumes”.

O control da vexetación tamén supón a mellora da seguridade viaria. Os traballos proxectados eliminarán árbores que poderían caer á calzada en caso de temporal e evitarán que invadan as beiravías ou beirarrúas, facilitando o tránsito de peóns e ciclistas. Ademais, serve para aumentar a visibilidade dos usuarios e consegue o efecto de afastar da estrada animais como xabarís ou corzos.