Skip to main content
Begonte

A Xunta autoriza a creación dun auditorio e un centro de formación musical en Baamonde

Por 19 Novembro, 2021Sin comentarios

O Consello da Xunta autorizou hoxe a sinatura dun convenio de colaboración entre a Axencia de Turismo de Galicia, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e o Concello de Begonte para a reforma e acondicionamento dunha escola de música e auditorio neste concello lucense por importe de algo máis dun millóns de euros.

O proxecto, que implica a estes tres departamentos da Xunta, suporá un revulsivo para este territorio a través dunha actuación que permitirá por en valor o patrimonio deste concello lucense ao tempo que se lle dá unha resposta eficiente ás necesidades da escola de música mancomunada coa que conta este territorio, que precisa dun espazo en que agrupar a actividade musical nun centro único.

O orzamento será financiado a partes iguais pola Axencia de Turismo de Galicia, a Consellería de Medio Ambiente e a Consellería de Cultura, achegando cada unha un importe de 349.312,89€.

Neste sentido cómpre lembrar que Begonte atópase no Camiño de Santiago, en concreto no itinerario do Camiño Norte, que atravesa precisamente Baamonde, o que fai que sexa competencia de Turismo de Galicia coordinar as actuacións relativas coa posta en valor do patrimonio cultural e artístico dos territorios polos que pasa o Camiño de Santiago.

Consolidación da actividade

O obxectivo é consolidar unha escola de música que xestionará a asociación Músico Crisanto, dando continuidade á actividade que veñen desenvolvendo desde o ano 2007 en Rábade, Begonte e Outeiro de Rei e que se estende polos municipios veciños.

Na actualidade a escola de música ten 150 alumnos e un total de 16 profesores de diferentes disciplinas e instrumentos, que imparten clase en espazos como o Centro Sociocultural e o Instituto de Rábade, a Casa da Cultura e o Centro Sociocultural de Begonte ou a Escola de Robra e o CEIP Laverde Ruiz en Outeiro de Rei.

Con este proxecto búscase ofrecer un espazo adecuado para a consolidación desta oferta formativa musical. Deste xeito poderase acometer a reforma das edificacións do antigo CEIP de Baamonde para o seu acondicionamento como escola de música e conservatorio, así como levar adiante a construción dun auditorio en que se agruparía toda a actividade musical nun centro único.

Para a execución do proxecto prevese dúas fases: unha primeira que incluiría a demolición dun dos bloques que conforman a edificación para situar no seu lugar o auditorio e unha segunda para levar adiante os traballos de acondicionamento e reformas encamiñadas á mellora da accesibilidade e o aillamento acústicos dos outros dous recintos.