Skip to main content
Cospeito

Expertos avanzan que a Torre de Caldaloba podería estar construída sobre un asentamento castrexo

Por 7 Novembro, 2021Novembro 8th, 2021Sin comentarios

A Torre de Caldaloba, no concello lucense de Cospeito, podería estar construída sobre un asentamento castrexo previo que foi alterado e rachado en época medieval. Así se desprende das conclusións feitas polos arqueólogos que participaron na actuación posta en marcha pola Xunta de Galicia.

En concreto, tendo os valores culturais que posúe esta edificación, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, que xa actuou sobre a estrutura deste ben entre os anos 1998 e 2002, impulsou unha serie de traballos de investigación arqueolóxica coa finalidade de favorecer a súa caracterización espacial e funcional e que sirvan de base para posibles futuras actuacións arqueolóxicas e de restauración que se queiran levar a cabo sobre o ben.

Así, mediante esta actuación, leváronse a cabo tarefas de limpeza nunha superficie de aproximadamente 10.000 metros cadrados coa finalidade de eliminar a maleza existente e identificar, delimitar e documentar os principais elementos do xacemento. Así mesmo, os traballos tamén incluíron o levantamento topográfico mediante fotogrametría de toda a superficie, a toma de imaxes e a prospección arqueolóxica da zona para a súa caracterización histórica.

Ademais do pasado castrexo desta zona, os traballos tamén documentaron a existencia de dous proxectís de trabuco medieval procedentes, probablemente, do ataque a esta fortaleza. Como remate da actuación, hoxe está prevista unha visita guiada ao xacemento da man do arqueólogo que dirixiu os traballos, co fin de divulgar entre a comunidade local os resultados desta intervención.

Construción do século XIV-XV

O castelo de Vilaxoán, na parroquia de San Martiño de Pino, en Cospeito, é un castelo de época medieval datado nos séculos XIV-XV do que se conserva en pé unicamente a Torre da Caldaloba. Trátase dunha torre cunha importante significación histórica debido a súa relación coa revolta dos Irmandiños do século XV e co Mariscal Pardo de Cela que conta coa condición de Ben de Interese Cultural.