Skip to main content
Axenda CaducadaGuitiriz

O campionato de Galicia de Slalom chega a Guitiriz

Por 17 Novembro, 2021Novembro 21st, 2021Sin comentarios

A competición iniciarase o sábado ás 15:45 horas e os adestramentos serán pola mañá, a partir das 11 horas. Onte celebrouse a presentación oficial na que participaron a alcaldesa, Marisol Morandeira, o xefe do Servizo de Deportes da Xunta, Manuel Otero, e o representante da escudería Scratch Fene, Édgar Vigo.

O circuíto do Campo da Feira xa está preparado para acoller este sábado, 20 de novembro, o II Slalom Concello de Guitiriz Gran Premio Roteiro da Auga, organizado conxuntamente coa Escudería Scratch Fene.

A proba automobilística, de carácter nacional e puntuable para o Campionato de Galicia de Slalom, foi presentada hoxe na Casa Habanera pola alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, o xefe do Servizo de Deportes da Xunta de Galicia en Lugo e Édgar Vigo, do comité organizador.

A competición iniciarase o sábado ás 15:45 horas pero o comezo da proba está previsto para as 8:30 horas, momento no que terán lugar as verificacións técnicas. Posteriormente, terá lugar o tradicional briefing cos pilotos e publicarase a listaxe de admitidos para comezar as dúas mangas de adestramentos a partir das 11 horas.

O prazo para anotarse aínda remata mañá, mércores 17 de novembro, ás 20 horas. Os interesados ou interesadas deben enviar un correo electrónico a edvilo@hotmail.com e poden solicitar máis información no teléfono 671 508 162.

Nesta segunda edición do Slalom o trofeo feminino, dotado con 300 euros de premio, está patrocinado pola Asociación de Hostalería de Guitiriz Debares e, ademais das dúas pilotas que participaron o ano pasado e que repiten, a organización conta con que se inscriban dúas máis.

A día de hoxe hai 26 inscritos e a organización agarda achegarse finalmente aos 40. Cabe destacar que participarán pilotos da talla de Manuel Trevín, campión do I Slalom Concello de Guitiriz e campión galego 2020, Sergio Pena, campión galego do 2019, e Rubén Gandoy, campión de Asturias e campión galego.

Marisol Morandeira, agradeceu o traballo da escudería e quixo salientar a “aposta do concello por esta competición, referendada na celebración desta segunda edición” e animou á xente “a que se pase este sábado polo Campo da Feira para coñecer esta modalidade automobilística tan vistosa”.

Manuel Otero eloxiou “esa aposta que fai o Concello de Guitiriz polo deporte, sendo un dos máis activos dunha provincia que ten unha cultura do automóbil moi grande e que esta proba ven a complementar”.

Pola súa banda, Édgar Vigo quixo agradecer ao concello que se faga “esta segunda edición nun contexto sanitario máis positivo que a primeira, aínda que tamén haberá un protocolo de seguridade”. “Vai a ser unha das carreiras con maior inscrición nesta temporada xa que este slalom, xunto co de Fene, son os dous que teñen máis coeficiente de puntuación”, subliñou.