Skip to main content
Vilalba

O Lois Peña Novo ponse á vangarda da educación cun proxecto sobre vehículos de hidróxeno

Por 11 Novembro, 2021Sin comentarios

O IES Lois Peña Novo de Vilalba presentou onte un proxecto de innovación educativa centrado na creación dunha unidade didáctica sobre o funcionamento dos vehículos de pila combustible Fuel Cell.

A iniciativa parte do departamento de Transporte e Mantemento de Vehículos do centro ao abeiro da convocatoria de programas de Innovación didáctica na Formación Profesional que realiza a Consellería de Cultura, Educación e Universidade. No programa participan os seis profesores do centro así como outros dous, un do IES Castro da Uz das Pontes, e o CIFP Ferrolterra de Ferrol.

O centro fíxose cun Toyota Mirai de hidróxeno, sendo desde modo o primeiro centro de FP en contar con este vehículo, que non se comercializa en España e que tampouco está á venda do público.

Segundo expuxeron desde o IES, a proposta xurdiu do interese de varios docentes do centro en formarse sobre as últimas tecnoloxías no ámbito da mobilidade e a sostibilidade medioambiental, co obxectivo de achegar recursos didácticos innovadores para o alumnado da familia de Transporte e Mantemento de Vehículos, xa que se trata dun contido pioneiro na ensinanza de FP. Deste modo, o grupo de estudo analizará o funcionamento, mantemento e riscos deste vehículos para levar o coñecido ás aulas e elaborar unha unidade didáctica sobre o funciona-mento dos vehículos de pila combustible Fuel Cell.

O vehículo chegou a Vilalba procedente de Alemania tras un rastreo por internet do grupo de mestres participantes e procede dunha frota de coches de aluguer.

O proxecto estima que o vehículo de pila de combustible de hidróxeno é un gran vector a empregar no sector da automoción para todo tipo de vehículos que percorren longas distancias ou levan grandes cargas (turismos, vehículos industriais, trens…. ) e fai fincapé no seu rápido reabastecemento e baixas emisións. O feito que chama máis atención é que o vehículo emite auga polo tubo de escape, auga que pode reutilizarse para rego e lavado.

O centro fixo unha presentación oficial do seu vehículo ante as autoridades autonómicas e locais.

O vehículo de pila de combustible de hidróxeno é un futuro que xa está no presente do sector da automoción, un gran vector a utilizar en turismos, vehículos industriais, trens e todo tipo de vehículos que necesitan recorrer longas distan-cias ou grandes cargas.

O seu rápido reabastecemento e baixas emisións están a impoñer o seu uso, evitando a dependencia de recursos fóra do noso país.

Valéndose do hidróxeno para xerar electricidade, o vehículo non só ten un impacto ambiental mínimo, senón que ademais ofrece todo o que se espera dun vehículo de nova xeración: un deseño inmediatamente reconocible; unha condución novidosa (resultante do seu baixo centro de gravidade), e unha aceleración silenciosa e potente grazas ao seu motor eléctrico.