Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

A Plataforma Sanitaria dá voz á denuncia dun paciente de paliativos

Por 27 Decembro, 2021Sin comentarios

A Plataforma Sanitaria da Mariña dá voz á denuncia pública dun paciente a cargo de paliativos desde hai máis dun més , que nunca recibiu atención presencial no domicilio.

Así, trasladan que “un paciente fai denuncia pública a través da Plataforma Sanitaria da Mariña pola desaparición, na maior parte dos concellos da Mariña, da atención presencial que ata hai algo máis de seis meses viña dando o servizo de paliativos/ HADO dependente do Hospital da Mariña”.

O paciente “padece unha aplasia medular desde hai anos, seguida polo servizo de Hematoloxía, máis ante o franco empeoramento da mesma é derivado ao servizo de Coidados Paliativos hai algo máis dun mes. Malia que gran parte da actividade destes servizos desenvólvese nos domicilios dos pacientes , desde hai  máis de seis meses  e debido á falta de cobertura dxs profesionais do servizo, a xerencia determinou que so tres ou catro concellos foran receptores deste servizo”.

Desde o primeiro momento, tanto o paciente como a súa familia, quixeron deixar constancia do bo trato que “lle brindaron as e os traballadores do servizo, e saben da enorme carga de traballo que teñen, ás veces doble ou triple da que lle corresponde, máis  eso non xustifica que aos pacientes se lles negue a asistencia que deberían ter nos seus fogares , cargándolle ese traballo ao seu centro de saúde, abondo saturados tamén”, comentan dende a Plataforma.

A esposa e coidadora principal do paciente explica que toda a atención que recibiu foi telefónica, e por iste motivo síntense agraviados respecto a outros pacientes que perciben a atención propia do seu padecemento. Comenta tamén que no seu caso “a gran responsabilidade e implicación familiar, axuda moitas veces incluso aos profesionais de primaria, en quen se descargou a responsabilidade da atención presencial”. Este foi o motivo de que pedisen axuda á Plataforma, que  rexistra a correspondente reclamación  o día 13 de decembro, con número de entrada 2788.

O SERVIZO SÓ FUNCIONA DE XEITO PRESENCIAL EN CATRO DOS CATORCE CONCELLOS DA MARIÑA

Os servizo de Paliativos/Hospitalización a Domicilio (HADO) conta cun cadro de persoal de 3 facultativos  que traballan en quenda de mañá de luns a venres e 5 enfermeiros , que cubren as mañás e tardes de todos os días da semana, polo que o servizo está estruturalmente deficitario, desde a súa orixe,  para unha poboación de case setenta mil habitantes, cunha alta dispersión   e máis de oitenta quilómetros entre os extremos  da comarca .

“Máis desde hai uns seis meses está a funcionar con dous dos tres médicos e incluso hai días en que so hai un. Os permisos ou baixas dos enfermeiros tampouco se están a sustituir, recaendo eses turnos de ausencias sobre as compañeiras. Esto supón que o traballo está habitualmente duplicado ou triplicado. Ante esta situación o Sergas da como solución eliminar o servizo presencial en dez dos catorce concellos , quedando máis do sesenta por cento da poboación sen a presencialidade, que recae sobre persoal de Atención Primaria , persaol que xa está sobrepasado  porque aquí tamén están moitas veces ao cincuenta por cen ou incluso por debaixo”, din dende o colectivo sanitario.

Desde a Plataforma “esiximos ao Sergas que se sustitúa o persoal ata chegar á dotación inicial todos os días, para poder retomar a atención presencial na totalidade dos concellos do distrito, rematando coa discriminación coa que o Sergas ten sometida á maior parte da poboación mariñá”. Segundo comenta a coordinadora dos activistas sanitarios, Montse Porteiro, “o argumento teimudo do Sergas de que non hai médicos nen enfermeiros non nos vale como resposta nin a nós nin á veciñanza e instámolos a que se poñan a traballar de firme, con máis feitos e menos publicidade enganosa, para rematar coa enorme  desigualdade que supón privar a pacientes dun servizo que outros teñen, e coa sobrecarga de traballo q se bota enriba da Atención Primaria”.