Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca TERRACHÁXA

A Xunta financia programas de inclusión social en concellos da comarca

Por 30 Decembro, 2021Sin comentarios

A Consellería de Política Social financiou con preto de 1 millón de euros un total de 54 programas de atención a persoas en risco ou situación de vulnerabilidade que desenvolverán 13 concellos lucenses.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que ao abeiro deste programa de axudas de inclusión social, os concellos poden desenvolver actividades de formación básica ou laboral adaptada ás necesidades dos destinatarios; establecer medidas de educación e apoio familiar, ou incidir en accións de mediación intercultural ou de carácter residencial.

O investimento concreto na provincia de Lugo ascendeu a 996.995 euros, distribuído entre os concellos de Vilalba, Mondoñedo, Pantón, Burela, Viveiro, A Pobra do Brollón, Chantada, Monforte de Lemos, Guitiriz, Sober, Antas de Ulla, Quiroga e Lugo; este último é o que maior investimento recibe, sumando 293.500 euros para oito programas de atención a persoas e colectivos en risco de exclusión social.

A práctica totalidade dos municipios beneficiarios destinan os apoios a ofrecer servizos complementarios de educación e apoio familiar dirixidos á inclusión social de menores, que asumen case o 53% do orzamento total das achegas. Nalgúns casos, establécense programas especialmente orientados á poboación inmigrante ou xitana en risco de exclusión.

Arias subliñou que o Goberno galego incrementou en 600.000 euros a contía adxudicada desta orde con respecto á pasada convocatoria, e tamén aumentou o período para levar a cabo os programas subvencionados -de 20 a 22 meses- para dar maior estabilidade financeira ás corporacións municipais.