Skip to main content
Guitiriz

A Área de Rehabilitación Integral para Os Vilares e O Buriz xa conta con financiamento

Por 2 Decembro, 2021Sin comentarios

Marisol Morandeira participou onte no acto para asinar o convenio de financiamento, que dotará á ARI de 151.008 euros para a rehabilitación das vivendas.

alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, participou onte no acto celebrado na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela para asinar o convenio de financiamento para actuar nas Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) galegas, entre as que se atopa a dos Vilares e O Buriz, que contará cun orzamento de 151.008 euros, dos que 120.000 euros son aportados polo Ministerio de Fomento e 31.008 euros pola Xunta de Galicia.

Presidiron esta cita, na que estaban presentes os representantes dos 22 concellos que participan este ano no reparto dos 10,2 millóns de euros dispoñibles para actuar nas ARI, a ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez.

Proximamente os veciños e veciñas poderán optar a unha serie de axudas para a rehabilitación das vivendas nas que residan.As obras subvencionables poderán ser: reparación de fachadas e cubertas, mellora de salubridade, mellora de illamento, mellora de accesibilidade, mellora enerxética, cambio de ventás e eliminación de radón.

Ademais, o Concello de Guitiriz creará unha oficina técnica para a que se destinan 74.782,75 euros e que permanecerá durante un ano para axudar aos veciños a tramitar as súas solicitudes de rehabilitación. Está previsto que haxa persoal administrativo, delineante, un arquitecto técnico e un arquitecto superior.

Ari para Os Vilares e O Buriz

Este proceso afectará a 10 núcleos entre Os Vilares (As Reixas, Drada, Vilariño dos Cregos e Casanova de Vilariño) e O Buriz (Bustelo, Carelo, Portelo, A Forxa, O Buriz e A Graña-Ventisca), sumando un total de 93 vivendas e 5 edificios dotacionais dos que 2 son de uso educativo e/ou social e os 3 restantes son relixiosos.