Skip to main content
Muras

O PP presenta un recurso de reposición “á dobre” votación ordenada polo alcalde de Muras

Por 1 Decembro, 2021Sin comentarios

O Partido Popular de Muras, que encabeza Eugenia Requeijo, vén de presentar un recurso de reposición “á dobre” votación ordenada polo alcalde á moción dos populares polas que se pedía ao Goberno declinar na súa intención de incluír esta especie na listaxe LESPRE.

Os populares adoptaron esta decisión porque o rexedor decidiu repetir o voto, unha vez percatado de que perdera a votación. Dende o PP consideran  esta segunda quenda como “unha desviación de poder do nacionalista”, pois para levala a cabo “nin alegou ningún tipo de xustificación nin explicación de base xurídico-administrativa”, detalla Requeijo.

O resultado fora 3 votos a favor do PP, 1 en contra  do PSOE e 3 de abstención do BNG, quedando legalmente aprobada, pero o rexedor, ao darse conta desta cuestión, decidiu unilateralmente repetir o proceso. Por se isto fose pouco, neste segundo intento prodúcese tamén unha alteración do sentido do voto en dous concelleiros, os 2 do BNG, incluído o do propio alcalde.

O alcalde e o BNG “prexudican” aos gandeiros

“Non se alega nin xustifica a decisión do rexedor de volver a votar. Por riba, prodúcese na segunda votación un empate, que non desemboca nunha nova votación, senón nunha interpretación directa do alcalde de que co seu voto xa se resolve dita votación, sen necesidade de legalmente resolver o empate”. Por este motivo, continúa Eugenia Requeijo: “estamos ante un claro atentado ao funcionamento democrático dos órganos de goberno locais e, o que é peor, o alcalde e o BNG cambiaron o voto para prexudicar os intereses dos gandeiros e veciños e defender ao seu partido”.

Ante a gravidade da situación, a popular informará da situación os gandeiros e elevará, no seu caso, unha queixa á Valedora do Pobo. “Os veciños de Muras teñen que saber como actuou o goberno municipal, deixando tirados aos gandeiros ante os ataques dos lobos”, remarca.

A voceira do PP reafírmase así en que a primeira votación foi aprobada legalmente e que a segunda “é nula de pleno dereito e non deixa de ser un abuso e desviación de poder do alcalde”.