Skip to main content
Ribadeo

Cinco posibles localizacións para o novo centro de saúde de Ribadeo

Por 13 Xaneiro, 2022Sin comentarios

O alcalde de Ribadeo reuniuse co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, para plantexarlle 5 posibles localizacións para o novo centro de saúde, xa que as autoridades sanitarias aseguran que non é factible reformar o actual. 

O rexedor declarou “as ubicacións teñen diferentes casuísticas e agora os responsables técnicos da Consellería de Sanidade estudarán e valorarán cal é a que mellor se pode adaptar as necesidades técnicas deles. Estas ubicacións que lles fomos plantexando, como todo na vida, teñen vantaxes e inconvenientes: sobre a centralidade, sobre as comunicacións de acceso rodado, de dimensións das parcelas posibles, así como tamén de tramitación administrativa, posto que todas elas precisan dalgún cambio normativo e algúns incluso non son de índole municipal senón coa salvedade autonómica”.

O rexedor dixo “pero, sendo todas estas ubicacións posibles, quedamos en que os técnicos da Consellería de Sanidade o estuden, veñan a Ribadeo, o vexan polo miúdo e decidan cal consideran óptima. Deste xeito desde o Concello colaboraremos con decisión para poñerlles os terreos á súa disposición canto antes”.

Agora haberá que esperar a que os técnicos do Sergas visiten os terreos para poder avaliar a idoneidade daquelas que se consideren máis aptas e, no caso de confirmala nalgún caso, comezar os trámites para asinar un convenio de cesión da parcela por parte do concello e de inicio da licitación por parte da Xunta do proxecto construtivo.

O actual centro de saúde aparece recollido na Fase 1 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria e logo dun estudo do estado das infraestruturas decidiuse priorizar a construción dun novo centro de saúde en Ribadeo tendo en conta que o actual centro de saúde, de 35 anos de antigüidade, presenta unha importante falta de espazos e de funcionalidade asistencial, dificultando o necesario crecemento dalgunhas áreas.

Para substituílo, o documento estratéxico propón un novo centro cun plan funcional que contempla incrementar en 5 as consultas de adultos, crear unha consulta para o programa da muller, outra para o hixienista dental, salas de reanimación e de observación no PAC, a integración de espazos para o 061 e o aumento das superficies nas áreas fisioterapia ou radioloxía. En consecuencia, o plan prevé que o novo centro se achegue aos 2.500 metros cadrados de superficie, un aumento dun 30% respecto á superficie do actual centro.