Skip to main content
Vilalba

Vilalba Aberta pide compensacións para os afectados pola auga da traída

Por 27 Xaneiro, 2022Sin comentarios

A formación municipalista solicitará o reparto dun modelo de reclamación/comprobación, a remisión mensual das analíticas e un informe dos sistemas de filtrado e potabilización.

Por terceira vez no que vai de lexislatura, Vilalba Aberta trasladará ao debate plenario a problemática relativa ao “deplorable estado” co que a auga da traída chega a determinadas rúas de Vilalba. Así, “e máis alá da lóxica crítica política”, a formación municipalista denuncia que o 20 de agosto de 2020, o Pleno aprobou unha iniciativa súa na que, ademais de a repartir un modelo de reclamación/comprobación normalizado co fin de “subvencionar o cobro dos recibos dos veciños/as afectados”, o Concello de Vilalba quedaba comprometido a facilitar a “remisión das analíticas do mes de agosto de 2020 ao completo”, así como un “informe dos sistemas de filtrado e potabilización.”

“Nin a primeira, nin a segunda nin a terceira e á altura de Xaneiro de 2022, veciños/as de Vilalba seguen véndose na necesidade de elixir entre comprar garrafas para cociñar e lavarse, ou facelo na mesma auga turbia que, iso si, lles cobrarán igualmente a prezo de limpa”, denunciou a vicevoceira do seu Grupo Municipal, Mª Xosé Fernández.

É por isto que volverán instar ao Goberno Municipal a que proceda á “inmediata convocatoria da Comisión de Urbanismo, Infraestruturas e Medio Ambiente”, con vistas ao inicio da negociación dun fondo de compensación municipal que, a través da súa delimitación nos orzamentos de 2022, permita subvencionar o cobro dos recibos dos veciños/as afectados, namentres que o problema continúe a repetirse.

Así mesmo, Vilalba Aberta solicitará do goberno do PSOE o reparto dun modelo de reclamación/comprobación normalizado polo conxunto das rúas do casco urbano afectadas pola problemática da traída. “O obxectivo deste reparto é que os veciños/as poidan, de aquí en diante, actuar de inmediato e reclamar do Concello o desconto dos días nos que a calidade da auga non foi óptima para o uso doméstico”, explicou Fernández.

Por último, a formación esixirá que, do mes de xaneiro de 2022 en diante, o Goberno Municipal proceda á remisión mensual das analíticas ao completo e poña a disposición dos grupos con representación municipal o informe dos sistemas de filtrado e potabilización.