Skip to main content
Cultura AMARIÑAXADeportes AMARIÑAXARibadeo

Martín Fernández, surfista ribadense: “É un deporte moi esixente fisicamente e que permite un contacto coa natureza moi intenso”

Por 6 Febreiro, 2022Decembro 18th, 2023Sin comentarios

Fotografía de Matías Rivas

Por Ana Somoza López.

Falamos con Martín Fernández, un rapaz ribadense que dende moi novo dedicouse a aquilo que lle apaixoaba, o surf

Como comezou a súa aventura?

Cando tiña 6 anos comecei nas escolas municipais de surf que organizaba o Concello de Ribadeo durante o verán. E agora xa teño 16 así que xa levo uns cantos nas miñas costas.

Compite individualmente o nun equipo?

O surf é un deporte individual aínda que formo parte do grupo de adestramento Picante Surf de Tapia de Casariego e son discípulo do tapiego Pedrín Méndez Obejero, que é o adestrador da escola Picante.

Canto tempo leva competindo?

Levo competindo desde os 8 anos, momento no que debutei no Circuíto Asturiano Júnior de Surf.

Conta con moitos títulos?

Martín foi campión asturiano na categoría Sub12, Campión galego na Sub14 durante dous anos consecutivos e actualmente é o Campión galego en categoría Sub16. Ademais participou en cinco Campionatos de España onde chegou a ser top 5 a nivel individual e Campión de España formando parte da Selección Galega.
Durante o 2021 foi cando fixo os seus mellores resultados desde que comezou a competir, enlazando cinco postos de finalista consecutivos e logrando quedar cuarto nas Júnior Series nacionais e debutando no Campionato Europeo onde logrou entrar no top 50.

Que destacaría do surf?

Que é un deporte moi esixente fisicamente e que che permite un contacto coa natureza moi intenso.

Cales son os seus referentes?

Hai grandes surfistas pero os meus favoritos son dous australianos, Noa Deane e Shaun Manners e o estadounidense Griffin Colapinto. Son tres surfeiros de moi alto nivel e cun surf envexable.

Arriba, fotografía de Matías Rivas e abixo, de José Ángel Niño

Pódese practicar este deporte en Ribadeo e en toda a Mariña?

En Ribadeo pódese practicar pero conta con poucos sitios xa que o que se precisan son unhas condicións de mar moi determinadas. Con todo na Mariña case sempre atopas un punto onde surfear sexan cales sexan as condicións de vento e mar.

Cál é o mellor e o peor deste deporte?

O mellor é os grandes amigos que fas e o ben que o pasas na súa compañía e o peor é o frío que se pasa durante o inverno, polo menos aquí no norte da península.

Algún campionato que lembre con agarimo ou que marcara un momento inesquecible?

A miña participación o ano pasado na proba do Campionato de Europa celebrada na localidade da Torche, na Bretaña Francesa. Acudín acompañado de dous grandes amigos, Samu e Iván e conseguimos un resultado bastante bo, medíndonos cos mellores júniors europeos.

Algunha anécdota que lle siga arrincando un sorriso?

O baño no que realicei o meu primeiro tubo na mítica onda La Graviere, nas Landas francesas. Aquel día o mar estaba en moi boas condicións para tentar esta manobra e cando por fin o logrei sentín que superara os meus límites.

Ribadeo conta co Panchorro e o Illa Pancha Challenge, que lle parece?

Respecto a isto síntome moi orgulloso de vivir nun Concello onde se celebra un evento de importancia internacional no surf de olas grandes. A verdade é que é unha pasada ver esas olas e ver aos surfistas nelas. Algún día gustaríame participar no Illa Pancha Challenge, estaría moi ben.