Skip to main content
Axenda Caducada

A celebración da misa de San Blas na Régoa suporá modificacións no tráfico da zona

Por 2 Febreiro, 2022Febreiro 3rd, 2022Sin comentarios

O Concello de Monforte informa sobre o dispositivo de tráfico que se desenvolverá o vindeiro xoves 3 de febreiro con motivo da misa de San Blas, que terá lugar na Igrexa de Santo Domingo (A Régoa) ás 11.00 horas.

O San Blas continuará celebrándose, como sucedeu o pasado ano, na igrexa da Régoa debido as obras de restauración que se están a levar a cabo na igrexa de San Vicente, que é onde habitualmente se celebra esta festividade.

Por elo, ante a previsión dunha elevada afluencia de asistentes e tendo en conta que a localización da mesma é en zona de escasa capacidade de estacionamento e con acceso mediante vías estreitas, ó que hai que engadir que o atrio da igrexa tamén se encontra en obras, coa instalación de andamiaxe, resulta necesario adoptar unha serie de medidas de ordenación do tráfico en canto á circulación e estacionamento para garantir no posible a fluidez e a seguridade de todos os usuarios.

Deste xeito, e segundo o informe elaborado pola Policía Local de Monforte, informan das medidas que se tomarán o vindeiro 3 de febreiro, suprimirase o estacionamento de vehículos no atrio da igrexa da Régoa e na baixada ó mesmo dende a rúa Santo Domingo, dende as 8 da mañá ata a finalización da misa e a evacuación das persoas asistentes. Tamén se suprimirá o estacionamento de vehículos no tramo da rúa Santo Domingo comprendido entre o inicio da mesma (Taberna KM 0) ata a porta da Alcazaba, dende as 8 da mañá ata a finalización da misa e a evacuación das persoas asistentes. O tráfico rodado na baixada e atrio da igrexa da Régoa en dirección Costa da Pena estará cortado dente aproximadamente as 10.30 horas ata a finalización da misa e a evacuación dos asistentes, isto está suxeito a adiantamentos se a afluencia de persoas así o esixira.

Ademais, tamén se establecerá unha única dirección de circulación de vehículos na rúa Santo Domingo que será entrando dende a Praza de Abastos pola rúa Ricardo Quiroga, dirección San Vicente, e saíndo por Campo da Virxe e rúa Real, dende aproximadamente as 10:30 horas (podendo adiantarse si a afluencia de persoas o esixe) ata a finalización da misa e a evacuación das persoas asistentes.

O estacionamento farase no tramo superior da rúa Santo Domingo, na marxe dereita en sentido subida (entre a Porta da Alcazaba e o Campo da Virxe), no propio Campo da Virxe e na subida a San Vicente.

Todo o dispositivo sinalizarase mediante sinais verticais e vallas e haberá efectivos da Policía Local para ordenar a circulación mentres dure o evento.

Do mesmo xeito, o Alcalde, José Tomé Roca, recorda que, “por mor da situación derivada da crise sanitaria da Covid-19, será especiamente necesario cumprirse todas as medidas de hixiene e distanciamento social establecido polas autoridades sanitarias, no que o uso da mascarilla é i obrigatorio en todo momento”.

SAN BLAS

A celebración da misa de San Blas é unha data xa consolidada na contorna. Nela bendícense as roscas que posteriormente se comen nos fogares e as cintas nas que van atadas. Estas cintas colócanse nos nenos e maiores como talismán contra as dores de garganta.