Skip to main content
A Fonsagrada

ADEGA mostra a súa preocupación pola mámoa da Fonte da Luz na Fonsagrada

Por 6 Febreiro, 2022Febreiro 7th, 2022Sin comentarios

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) mostra a súa preocupación pola mámoa da Fonte da Luz na Fonsagrada.

O pasado 13 de xaneiro, a asociación presentou unha denuncia perante a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural polo posible incumprimento dunha resolución de Patrimonio relacionada coa corta de piñeiros nunha parcela que se atopa no ámbito do Camiño de Santiago e da mámoa da Fonte da Luz (GA27018320), na parroquia de San Martín de Suarna (A Fonsagrada).

Respecto a esta intervención, cómpre ter en conta que en decembro de 2021 a Dirección Xeral do Patrimonio ditaba a resolución pola que se autorizaba os labores forestais nesta zona de A Fonsagrada, ao tempo que se establecían as condicións que o maderista tiña que respectar para salvagardar o Camiño de Santiago e maila mámoa. Entre outras, na resolución figura a prohibición de realizar movementos de terra no transcurso dos labores forestais, por afectaren directamente estes bens patrimoniais.

A denuncia de ADEGA presentouse despois de que membros desta asociación comprobaran que no ámbito do Camiño de Santiago e da mámoa da Fonte da Luz se efectuaron movementos de terras para a apertura dunha pista, que foi acondicionada co aporte de capas de grava.

Así mesmo, observaron que a circulación de maquinaria pesada pola contorna inmediata do túmulo provocou a formación de fondas rodeiras, que claramente afectaron o subsolo e mesmo puideron afectar a masa tumular.

Na actualidade, o sitio arqueolóxico estase a utilizar como zona de carga da madeira; unha actividade que está danando a mámoa, e está alterando a contorna do Camiño de Santiago.

“Como a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural semella non ter actuado, xa que a afectación sobre estes bens patrimoniais continúa producíndose”, afirman dende ADEGA, a asociación presentou o pasado 26 de xaneiro unha denuncia no Concello da Fonsagrada. Esta administración local ten a obriga de adoptar as medidas cautelares necesarias para salvagardar os bens patrimoniais que se vexan ameazados no seu concello.

Dende a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza agardan que as administracións non eludan a súa responsabilidade de protexer o patrimonio e que paralicen, sen demora, todas as actividades que estean afectando a mámoa da Fonte da Luz e o Camiño Primitivo de Santiago, ao seu paso por San Martín de Suarna.