Skip to main content
Lugo

A Mesa da Diversificación Industrial de Lugo mantivo unha nova reunión sobre o sector agroforestal

Por 5 Febreiro, 2022Sin comentarios

A Mesa da Diversificación Industrial de Lugo na que se sentan as institucións e os colectivos económicos e sociais para complementar a Estratexia Lugo Transforma co obxectivo de converter a cidade nun polo de atracción de empresas, celebrou unha nova reunión, durante a cal a secretaría técnica presentou un informe sobre o sector agroforestal.

Esta industria é unha das que a Mesa acordou centrar os esforzos de captación co fin de aproveitar as potencialidades intrínsecas do municipio, xunto a economía vinculada coa sostibilidade, aliñada co modelo de cidade e incluíndo aspectos económicos, medioambientais e sociais, e a transformación dixital como ferramenta transversal para o desenvolvemento doutros sectores.

Na reunión participaron a concelleira de Desenvolvemento Local, Ana Abelleira; o xefe territorial da Consellería de Economía da Xunta en Lugo, Gustavo Casasola de Cabo; o delegado do IGAPE en Lugo, Rafael Rábade; o Secretario Xeral da Confederación Empresarios de Lugo, Jaime López; e o presidente da Asociación de Empresarios de O Ceao-As Gándaras, Francisco Dorado. A Universidade de Lugo tamén ten presenza na Mesa de Diversificación.

A secretaría técnica da Mesa mantivo reunións e entrevista con distintas empresas, institucións e entidades vinculadas co sector forestal para analizar a situación actual e detectar as súas necesidades futuras.

Esta iniciativa complementa a Estratexia Lugo Transforma, o fondo emprendedor municipal co que o Concello de Lugo mobilizará con recursos propios 12 millóns de euros en cinco anos, a maior contía destinada pola administración local en toda a súa historia para atraer investimentos e novas empresas ao municipio, moi dependente actualmente do sector servizos, un dos que está a sufrir máis as consecuencias da emerxencia económica derivada da pandemia.

LUGO TRANSFORMA
A Estratexia Lugo Transforma, pioneira en Galicia no ámbito municipal, articulase a través da entrada temporal do Concello no capital de proxectos empresariais innovadores a través da modalidade de fondo de capital risco.

Deberán ser proxectos de alto valor engadido tanto de empresas pequenas ou medianas así como de nova creación, con potencial de crecemento e con alta capacitación, que se caractericen pola súa innovación e por apostar por modelos económicos sostibles e de economía verde, que acompañen ao modelo de cidade que se está a desenvolver Lugo.