Skip to main content
Lugo

Paula Alvarellos responde ao PP tralas case 3.000 firmas acadadas para a apertura do auditorio

Por 8 Febreiro, 2022Sin comentarios

O PP de Lugo conseguiu case 3.000 sinaturas nunha campaña express de seis días que reclamaba a apertura do Auditorio de Magoi, en total conseguiron 2.875 firmas como apoio ante a iniciativa.

A tenente de alcaldesa Paula, Alvarellos, respondeu lembrando que, unha vez que o Auditorio foi recibido oficialmente, “dende o Concello activamos de inmediato os labores de mantemento para tratar de que non se deteriorase máis á espera de poder licitar as obras que permitiran a súa apertura, contratando alén o acondicionamento da instalación eléctrica que, pese o anunciado polo anterior delegado da Xunta en Lugo non fora resolto, de maneira que se solicitou o subministro definitivo para proceder á posta a punto deste equipamento e da súa protección”. Toda vez que se dispuxo de enerxía eléctrica, traballos que ascenderon a 31.117 euros, a Administración local puido realizar as probas de funcionamento dos aparatos, moitos dos cales, xa non tiñan en vigor a garantía debido a que esta caducara antes, aínda, da entrega do inmoble.

Igualmente, o Executivo local contratou a redacción dun proxecto cun valor de 13.310 euros, no que quedaron reflectidas as reparacións necesarias para posibilitar a apertura da dotación con todas as garantías de seguridade así como para executar a urbanización da parcela que tampouco foi abordada polo ente autonómico.

A concelleira de Gobernanza referiu así que, “as principais eivas que se atoparon no edificio, en torno a 220, atinxen a cuestións relacionadas tanto a problemas estruturais na construción como á falta de mantemento desde que finalizou a obra en abril 2016. Destacando numerosos problemas de filtracións e de falta de illamento, carencias dos equipamentos ou defectos de relevancia nos sistemas de protección contra incendios e mesmo nas instalacións de gas, ventilación e climatización, así como nos propios acabados da edificación o que fai estimar o seu arranxo en medio millón de euros, axardinamento aparte”, resumiu.

Alvarellos Fondo quixo facer tamén diferentes puntualizacións sobre a “realidade terxiversada que traslada o Partido Popular”, en alusión, por exemplo, ao investimento autonómico. “Que se ben o PP sitúa nos 25 millóns de euros, cómpre recordarlle que o importe do edificio foron 16 millóns, mentres que o resto saíu do peto dos e das lucenses para dotalo de equipamento a través da exención do IBI a varios centros sanitarios da capital”.

A responsable da área de Patrimonio rexeitou, alén, “categoricamente” as afirmacións nas que se achaca o peche do recinto a discrepancias entre PSOE e BNG. “Unha mentira absoluta coa que só tratan de enmascarar que, no estado no que foi entregado o Auditorio, sería unha irresponsabilidade abrilo, o mesmo que resulta unha auténtica falsidade, da que poden dar conta as hemerotecas, que os técnicos municipais non detectaran grandes deficiencias no momento de recibilo. É máis, os primeiros informes cifraban en 300.000 euros o investimento necesario para corrixilas, se ben foi a propia Xunta a que se negou a incorporar na Acta de entrega o informe que recollía todas estas apreciacións”, asegurou Paula Alvarellos.

A edil insistiu, unha vez máis, en que, toda vez finalice o procedemento para licitar estas obras de mellora, “o Concello adxudicará á maior brevidade posible os traballos para poder abrir e empregar as instalacións. A nosa vontade foi sempre e segue a ser a de poñer en marcha o Auditorio ao servizo da cidadanía pero con total seguridade para a poboación, o que dista moito da oposición demagóxica que fai o Partido Popular de Lugo, ao que nunca se lle escoitou levantar a voz para que se apurasen as obras de execución nin reclamar a instalación do equipamento do edificio”, concluíu a tenente de alcaldesa.