Skip to main content
Lugo

O PP solicita a actuación no parque do Sagrado Corazón de Lugo

Por 28 Febreiro, 2022Sin comentarios

A concelleira do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Macamen López, pide ao goberno local unha actuación no parque do Sagrado Corazón para mellorar a accesibilidade e, de paso, aproveitando o espazo que hai na zona, colocar aparatos de ximnasia biosaudables, xa que é unha das reclamacións que a xente maior da zona lle trasladou aos populares.

Macamen López sinala que a actuación máis urxente para o goberno local debería de ser a accesibilidade e presenta unha relación de mínimos a corrixir por parte do goberno de Lara Méndez.

O primeiro que se debería mellorar son os dous accesos dende Serra de Meira xa que, un deles está completamente en terra e conta cunha pendente demasiado pronunciada, mentres que o outro, pese a contar con pavimento, remata nun resalto bastante difícil de salvar.

E a outra actuación debería ser a zona dende a Ponte Branca de Paradai xa que hai un acceso que conta cunha pendente adecuada, pero que presenta un firme demasiado rugoso e con fendas que dificulta moito o tránsito para cadeiras de rodas ou persoas con mobilidade reducida

Explica Macamen López que unha vez solucionados estes obstáculos, no acceso dende Serra de Meira hai unha zona en terra e grava que leva a unha pequena ponte para cruzar ao parque, sendo o acceso á ponte tamén complicado debido ao mal estado do firme e a outro resalto que pode resultar complicado de salvar.

Obstáculos que impiden que moitas persoas con mobilidade reducida poidan acceder a esta zona verde, un punto no que sería preciso instalar aparatos biosaudables, pedidos pola xente maior da zona, para poder facer exercicio, como ocorre noutras zonas de Lugo.