Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

A Xunta propón unha prima de emerxencia para o sector lácteo e Fruga reclama o control dos contratos

Por 13 Febreiro, 2022Sin comentarios

A Xunta proporá ao Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA) que active para toda España -tal e como xa fixo o Goberno italiano- unha prima de emerxencia estable de ata catro céntimos por litro de leite, co fin de paliar as dificultades que están a atravesar os gandeiros polo incremento dos custos de produción. Así o avanzou o conselleiro do Medio Rural, José González, antes de reunirse con representantes das organizacións profesionais agrarias, asociacións e cooperativas para avaliar a situación do sector lácteo e avanzar na adopción de medidas encamiñadas a superar as dificultades polas que atravesa este eido, debidas en gran medida ao incremento constante dos custos de produción. Nas próximas semanas, avanzou, manterase outro encontro para analizar a situación do sector da carne.

Nesta liña, o conselleiro explicou que esta “solución italiana” baséase en acadar un acordo entre a distribución, a industria e os gandeiros para establecer a devandita prima, cun tope de 41 céntimos por litro -excluíndo primas por calidades e IVE- ao longo de 2022. Segundo José González, trátase dunha medida excepcional, para facer fronte ao incremento dos custos.

Canto a este incremento, o titular de Medio Rural apuntou que se vén constatando unha suba de custos de produción superior ao 10% que repercute en 4 céntimos no litro de leite e en 75 céntimos no caso do quilo de carne. Deste xeito, engadiu, queda acreditada unha venda a perdas xeneralizada, nun contexto internacional de encarecemento das materias primas e de insumos como a luz, o combustible e os fertilizantes, entre outros. Nesta conxuntura, a Xunta -insistiu José González- non pode defender a fixación de prezos mínimos, porque isto non está permitido pola normativa de competencia española, ao consideralos unha restrición á libre competencia.

En todo caso, o conselleiro trasladou que o Goberno galego está a traballar nunha serie de actuacións para o sector bovino -tanto de leite como de carne- ao abeiro das estratexias sectoriais respectivas, puntualizando que a do sector leiteiro xa se está a aplicar e a do cárnico atópase en elaboración.

Axencia de control alimentario

Neste contexto, José González avanzou que se vai crear a Axencia de Información e Control Alimentario de Galicia, como entidade encargada de controlar o cumprimento das obrigas derivadas da Lei da Cadea Alimentaria no ámbito galego. Outra medida consistirá na posta en marcha, por parte da Xunta, do Observatorio da cadea alimentaria galega, como organismo encargado de emitir informes periódicos e fiables sobre a situación económica do sector primario. Farase mediante un convenio entre o Instituto Galego de Estatística, a Consellería do Medio Rural e a Fundación Juana de Vega.

A maiores, tamén se reactivará o Observatorio do Sector Lácteo, que servirá para formalizar as relacións entre os diferentes elos da cadea de valor do leite, co fin de construír ese valor de maneira equilibrada e transparente. Neste sentido, o conselleiro trasladou que xa se iniciou a tramitación do decreto que o regulará.

Nesta liña, José González lembrou que estas medidas se suman a outras tamén impulsadas polo Goberno galego, como son a posta en marcha da aplicación informática Conta Láctea, creada para que os gandeiros poidan calcular os seus custos de produción e para axudalos na súa negociación dos prezos. Neste mesmo sentido, celebráronse ata cinco edicións dos cursos de profesionalización de gandeiros con escolas de negocios e está previsto poñer en marcha unha campaña de fomento do consumo do leite amparado co selo galega 100%.

Pola contra, o conselleiro censurou a falta de impulso, por parte do Goberno do Estado, para facer realmente efectivas medidas como a Lei da Cadea Alimentaria e nomeadamente para frear a venda a perdas, xa que se está a amparar nunha norma que, na práctica, é “papel mollado”. Deste xeito, engadiu, deixa os produtores primarios galegos “contra as cordas e nunha situación límite”. Neste sentido, González lembrou ademais que o Ministerio fixo, ata o de agora, oídos xordos ás propostas de Galicia para que incorporara na devandita lei a citada ferramenta de cálculo de custos Conta Láctea, como método para determinar formalmente os prezos de venda do leite.

Por último, o conselleiro recordou tamén que xa está aberto o prazo para solicitar as axudas da PAC, que suman 210 millóns de euros na nosa comunidade. Mentres, dende mañá poden solicitarse as axudas para apoiar os investimentos nas explotacións galegas (plans de mellora), para a creación de empresas de agricultores mozos e para o desenvolvemento de pequenas explotacións, dotadas con 37,5 millóns de euros nesta convocatoria que se publica hoxe no DOG.

Cabe engadir que na reunión participaron Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias, e Félix Porto, secretario de Coordinación e Área Externa do mesmo sindicato; Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, e Xulio Rodríguez, coordinador do sector lácteo desta central; Francisco Bello, presidente da Asociación Agraria de Galicia (Asaga); Carmen Rodríguez, presidenta da Asociación Galega de Cooperativas (Agaca) e Higinio Mougán, xerente desta entidade; e -por último- Manuel da Cal, coordinador da Federación Rural Galega (Fruga).

FRUGA

FRUGA fixo un comunicado despois da reunión no que afirma que trala reunión enténdese que os prezos do leite deben subir de forma considerable.

Segundo indican os datos nos que coinciden todos, os custes de produción actualmente están en torno os 0.40 euros litro, como consecuencia dunha importante suba dos custes dos insumos que se deu o longo do ano 2021. “Segundo o Conselleiro os custes de produción no ano 2020, a partir dun estudo feito pola propia Consellería, estarían ao redor de 36 céntimos e o incremento dos custes de produción ao longo do ano 2021 foi de un 13%, o que dá como resultado que a comenzo deste ano 2022 os custes para producir un litro de leite polas explotacións galegas se sitúen ao redor dos 40 céntimos”, din.

“Evidentemente e aceptando estes son os custes de produción, non se debería asinar ningún contrato por debaixo deste prezo, do contrario estariamos incumprindo a Lei da Cadea Alimentar, que di textualmente que fica obrigado cada operador da cadea alimentar a aboar ao inmediatamente anterior un prezo igual ou superior ao custe de produción, polo que en base a este abriga non se pode pagar por parte das empresas recolledoras por debaixo do que nos custa producir un litro de leite”, engaden.

Actualmente estanse a asinar contratos entre as industrias e o sector produtor, co cal din que estes contratos non deberían estar por baixo dos 0,40 euros litro, “do contrario estariamos a vender a perdas, o cal significa que a parte de perder cartos estaría-se a incumprir a lexislación vixente”.

Desde a Federación Rural Galega, entendemos que tanto a Consellería como o propio Ministerio de Agricultura, deben tomar cartas no asunto, e intentar que tódalas explotacións leiteiras galegas acaden un prezo mínimo de entre os 0,39 e os 0,40 euros litro.

“As ofertas que a dia de hoxe nos están presentando as distintas industrias, están moi lonxe deste prezo, co cal vai sendo hora que desde as administracións competentes, cos seus respectivos órganos, como pode ser a AICA (Axencia de información e control alimentario), interveñan e eviten que se asinen contratos por baixo destas cantidades, tendo en conta ademais as declaracións feitas polo propio Conselleiro do Medio Rural, tanto aos medios de comunicación como ás organizacións e entidades representativas do sector produtor”, conclúen.