Skip to main content
Folgoso do Courel

Os grupos municipais de Folgoso do Courel manifestan o seu apoio polo 8M

Por 27 Febreiro, 2022Febreiro 28th, 2022Sin comentarios

Con motivo do Día Internacional da Muller, que se conmemora o próximo 8 de marzo de 2022, a Organización das Nacións Unidas escolleu o lema a “Igualdade de xénero hoxe para un mañá sostible” co obxectivo de recoñecer a contribución das mulleres e das nenas de todo o mundo, que están liderando os esforzos ante o cambio climático para construír un futuro máis sostible.

Por iso, os grupos municipais de Folgoso do Courel consideran necesario asegurar o benestar integral de todas as mulleres e avanzar noutras políticas de cohesión social e dinamización demográfica a través de medidas favorecedoras da plena igualdade e con perspectiva de xénero como reto irrenunciable.

Para seguir contribuíndo a unha mellor calidade de vida das mulleres galegas, unha das prioridades de actuación será o fomento de estilos de vida saudables e do autocoidado para o benestar integral, facendo especial fincapé na atención das mulleres maiores, facilitándolles ademais oportunidades de envellecemento activo.

Doutra banda, tamén consideran que se deben consolidar os recursos de atención ás mulleres, tanto para a atención aos problemas de saúde prevalentes na poboación feminina, como aqueles asociados aos dereitos relacionados coa saúde sexual e reprodutiva e coa maternidade.

Así, as Administracións públicas deben seguir desenvolvendo políticas específicas dirixidas a mulleres en situación de dificultade ou especial vulnerabilidade.

Para acabar con todas as brechas de xénero que se identifican en numerosos informes internacionais debe haber unha resposta de continuidade a través da organización de campañas de concienciación social e doutras actividades de sensibilización en favor da igualdade real e efectiva de mulleres e homes en todos os ámbitos.

E para iso é fundamental que exista un compromiso rotundo dos partidos políticos, das organizacións sindicais, das administracións e institucións e de todas asociacións en xeral, que abarque actuacións coordinadas e proactivas neste senso, desde a mocidade ata as persoas de maior idade.

O obxectivo é procurar unha sociedade na que impere o modelo coeducativo enfocado á ruptura dos estereotipos de xénero así como valores como o respecto á igualdade e á diversidade. É o momento de sumar esforzos e seguir traballando conxuntamente para conseguir que a igualdade sexa unha realidade.

O feminismo non é para perseguir o protagonismo de ningún partido político, o que se debe facer e unise e axudar nos retos que nos quedan por acadar e seguir a reclamar a igualdade de oportunidades: o feminismo é igualdade.