Skip to main content
Monforte

Nova zona de xogo infantil no barrio Val de Lemos de Monforte

Por 11 Febreiro, 2022Sin comentarios

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola primeira tenente de alcalde, Gloria Prada, e os concelleiros de obras, medio rural e servizos, José Luis Losada, e de medio ambiente, Miguel Tomé, inaugurou na tarde de onte o novo parque infantil que o Concello construíu no barrio Val de Lemos.

Esta actuación enmárcase dentro do programa de dotación de novas infraestruturas urbanas que o Equipo de Goberno monfortino leva desenvolvendo dende que o alcalde iniciou o seu mandato no ano 2015, e que supón a construción deste novo parque nunha zona da cidade que carecía deste tipo de infraestruturas.

“Sendo coñecedores das necesidades deste barrio, e dado alto número de familias que viven no mesmo, moitas delas familias novas con nenos, dende o Equipo de Goberno do Concello decidimos levar a cabo a construción dun novo parque infantil no barrio Val de Lemos, e que vimos de inauguramos para o desfrute de todos os monfortinos, e en especial para os nenos e nenas deste barrio da cidade”, subliñou o alcalde.

Para esta nova infraestrutura de ocio e lecer da cidade, o Concello de Monforte destinou un orzamento de 81.451,34 euros.

“Con esta actuación o Concello de Monforte” destaca o alcalde, “segue a dotar de infraestruturas á cidade, e neste caso, construíndo un novo parque infantil, o do barrio Val de Lemos mediante a cal os veciños e veciñas desta zona, e en especial os nenos e nenas, disporán dun novo parque infantil no que poder xogar con seguridade e practicar un variado número de actividades de ocio. O compromiso que mantemos dende o Equipo de Goberno cos veciños do Concello de Monforte segue a ser firme, e seguimos apostamos por dotar de novos servizos e infraestruturas, naquelas partes do municipio onde sexa necesario”.

Cabe recordar que o actual Equipo de Goberno, levou a cabo melloras moi significativas nos parques e áreas de xogo da cidade, como as acometidas no Parque López Suárez, no parque da rúa Santiago; dotou de novas áreas biosaudables ás parroquias de Distriz, Gullade e Moreda; construíu o novo Parque infantil da Compañía, así como unha nova pista de Skate nesta mesma zona; mellorou o acondicionamento e iluminación do Parque de Cobas; e está a construír o que será o novo Parque do barrio do Hospital.

“O compromiso”, concluíu o alcalde, “que mantemos dende o Equipo de Goberno cos veciños do Concello de Monforte segue a ser firme, e continuamos apostando por dotar de novos servizos e infraestruturas, a aquelas zonas do municipio onde sexa necesario, para que Monforte siga avanzando, porque Monforte, afortunadamente, vai ben”.

NOVO PARQUE INFANTIL VAL DE LEMOS
O barrio Val de Lemos localízase no extremo sureste do núcleo urbano de Monforte de Lemos, xurdido no seu día da implantación no lugar dunha primeira urbanización de vivendas sociais de planta baixa, á que despois seguiu unha máis recente de bloques de pisos, constituíndo o conxunto o que se denomina como urbanización Val de Lemos.

Dita urbanización, xunto a outras vivendas que se foron instalando o seu redor, fai que se concentre no lugar unha alta densidade de poboación neste barrio, en moitos casos, xente nova.

Existe no lugar, á altura dos bloques de vivendas, un espazo público con xogos infantís e unha zona verde que o rodea, sendo este o único espazo destinado a tal fin co que conta o barrio.

“A construción deste novo parque”, detallou o rexedor municipal, “supuxo a mellora dos accesos e os cerramentos do parque, coa construción dunha escaleira no seu extremo sureste, a instalación dunha valla perimetral en parte do seu perímetro e a colocación de pavimento de adoquíns para facilitar a mobilidade no seu interior. Construímos unha nova área de xogos infantís máis ampla, con xogos adaptados e inclusivos, e dotámolo dun pavimento e valla de seguridade. Finalmente, instalamos céspede artificial en todo o resto da súa superficie, localizamos diversos bancos para propiciar o descanso dos usuarios, e dotámolo cunha nova área de aparatos de exercicio biosaudables”.

A zona de actuación localizouse no barrio de Val de Lemos de Monforte, na zona situada no extremo sureste do seu núcleo urbano, e máis en concreto, na parte máis elevada do barrio, ó oeste do bloques de vivendas e na marxe oposta a estes da rúa Vivendas Sociais Val de Lemos.

Esta zona contaba cunha superficie duns 650 m2, e presentaba unha forma practicamente rectangular. A construción do novo parque infantil proxectouse sobre unha superficie duns 660m2, na que se inclúen os seus accesos, a área de xogos infantís e o espazo de esparcemento restante.