Skip to main content
Castro de Rei LUGOXACastro de Rei TERRACHÁXA

Adxudicada a segunda fase das obras da rede de abastecemento de auga a Castro de Rei

Por 24 Febreiro, 2022Sin comentarios

Melloraranse as condicións de presión na rede de abastecemento no núcleo de Castro de Ribeiras de Lea e no polígono industrial, para evitar problemas de abastecemento en época estival. Cun prazo de execución de 6 meses, a actuación será financiada pola Xunta nun 80%.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou as obras da segunda fase da mellora da rede de abastecemento de auga a Castro de Rei.

O contrato foi adxudicado á empresa Ovisa Pavimentos y Obras S.L., por un importe de 298.549 euros. As obras contan cun prazo de execución de 6 meses.

Mediante esta contrato dáse cumprimento ao convenio de colaboración asinado co Concello, polo que o departamento que preside Ethel Vázquez financiará esta nova actuación nun 80% , achegando o 20% restante o Concello. A actuación cofinanciarase pola Unión Europea a través do fondo europeo Feader.

Esta nova actuación dará continuidade á primeira fase da mellora do abastecemento, aprobada nun convenio anterior co Concello, cuxas obras foron rematadas o pasado mes de decembro cun investimento de 630.000 euros.

A primeira fase centrouse na construción de dous tramos de tubaxe de abastecemento de fundición no núcleo de Castro de Ribeiras de Lea e nas inmediacións do termo municipal. Tamén se executaron varias arquetas de formigón armado para aloxar as ventosas e desaugues proxectados, así como as conexións coa rede existente.

A 2ª fase das obras, que veñen de adxudicarse, complementarán esta primeira intervención e centraranse na execución dun ramal que, partindo dun tramo de condución que se vai desenvolver na primeira fase, mellora a conexión co polígono industrial. Para acometer este ramal, emprégase unha condución de máis de 1,5 km con tubaxe de polietileno de 225 mm de diámetro.

A solución proxectada por Augas de Galicia no seu conxunto dará servizo a preto de 2.600 habitantes do municipio de Castro de Rei de cara ao ano 2040.

A Xunta mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito máis eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local.

Nesta liña, o departamento que preside Ethel Vázquez, segue a traballar no obxectivo de intensificar o apoio aos concellos, a través da Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, que permitirá xestionar os servizos da auga de xeito profesionalizado naqueles municipios que así o soliciten de xeito voluntario.