Skip to main content
Muras

Muras investirá no centro de saúde parte do Fondo de Compensación

Por 26 Febreiro, 2022Febreiro 27th, 2022Sin comentarios

O Pleno de Muras aprobou o reparto de cartos do Fondo de Compensación Medio Ambiental e do Plan Único da Deputación, que irán para distintos proxectos.

Así, con cartos do Fondo realizará este ano a traída de augas aos Campos e A Susana, no Viveiró, e tamén ao lugar do Mouriscón, na parroquia de Ambosores, unha das poucas nas que aínda non levaron este servizo. Na primeira destas accións investiranse 55.620 euros e na segunda 69.518.

Tamén se realizarán varias accións vinculadas á eficiencia enerxética como levar o alumeado público a aquelas zonas onde aumentou o padrón, que ten un orzamento de 9.874 euros.

Finalmente o Concello destinará 283.741 deste fondo a realizar as obras de urxencia que se demandan para o centro de saúde, “debido a falta de compromiso da Xunta”, segundo explicaron dende o Concello. Así realizaranse reparacións da cuberta, a fachada e aqueles puntos que provocan goteiras e filtrado de aire no interior do edificio.

Tamén acometerán obras no centro de interpretación medioambiental de Muras por valor de 58.670 euros entre as que figuran a renovación da lousa da cuberta e das fiestras.

O orzamento do Fondo de Compensación a investir en Muras ascende a 507.335 euros no que tamén haberá unha partida para a contratación de catro peóns forestais e un técnico medioambiental.

PLAN ÚNICO

Con respecto ao Plan Único, o Concello de Muras destinará 29.500 euros ao Servizo de Axuda no Fogar, 39.162 para emprego, 6.000 para o Trail das Bestas e outros tantos para a Feira do Mel de Montaña.

Así mesmo, teñen previstos tres proxectos como o arranxo vías municipais, que teñen un orzamento de 159.170 euros para o asfaltado e limpeza.

Por outra banda, realizarán o subministro e instalación de sinalización turística do starlight e a rehabilitación de barandas por 35.285 euros así como a colocación de suxeitacontedores, que contarán con soleiras de formigón e soporte para os cubos, todo por 82.209 euros, unha medida que se ampliará a todas as parroquias.

Estas obras que se financiarán co Plan Único teñen un orzamento total de 357.327, dos que a Deputación pon 280.064 e o Concello 73.263.