Skip to main content
Vilalba

Tomé reivindica en Vilalba o contacto directo coas agrupacións locais do PSOE

Por 7 Febreiro, 2022Sin comentarios

O candidato á Secretaría Xeral dos socialistas lucenses mantivo este domingo en Vilalba un encontro cos militantes da comarca da Terra Chá dentro da campaña Camiñamos Xuntos.

José Tomé Roca continuou este domingo en Vilalba coa campaña Camiñamos Xuntos, coa que percorre todas as comarcas da provincia de cara a preparar o IV Congreso Provincial do PSdeG, que terá lugar o vindeiro 20 de febreiro. Aínda que non haberá votacións, o candidato á Secretaría Xeral dos socialistas lucenses decidiu manter os encontros cos militantes “para dar a coñecer o meu proxecto, pero tamén para escoitar as súas inquedanzas, xa que o partido constrúese dende as bases”.

No encontro celebrado este mediodía en Vilalba participaron militantes socialistas deste concello, así como de Xermade, Abadín, Cospeito, Guitiriz, Begonte e Rábade.

A dinámica de intercambio coas agrupacións locais é un dos obxectivos de Tomé Roca ao fronte do partido. Neste sentido, falou da súa propia experiencia na política local, tanto no goberno, como na oposición. “A dirección a nivel provincial ten que estar en contacto directo coas agrupacións locais para darlle un impulso ao partido. Aqueles que estivemos na política a nivel local, sobre todo na oposición, sabemos que é esencial sentirse arroupado polo partido”, sinalou. 

“Un contacto que será beneficioso coa chegada das citas electorais”, recalcou. Neste sentido, recordou que os socialistas “nunca tivemos tanta presenza nos gobernos da provincia de Lugo como agora”. Concretamente, Tomé Roca fixo referencia a que o 65% dos veciños e veciñas da provincia teñen un goberno liderado ou do que forman parte os socialistas. “Unha situación que debemos consolidar e mesmo mellorar, xa que hai municipios nos que estamos a piques de conseguir a alcaldía”, engadiu.

O candidato á Secretaría Xeral do PSdeG na provincia porá fin este martes na Fonsagrada e Pol aos encontros coa militancia da iniciativa Camiñamos Xuntos. Nestas últimas semanas, José Tomé reuniuse coa militancia en diferentes encontros polas comarcas.