Skip to main content
Barreiros

Barreiros consegue o respaldo do Estado para a construción da depuradora de San Miguel

Por 18 Marzo, 2022Sin comentarios

O mandatario estatal reiterou o compromiso do goberno do Estado para que os fondos europeos poidan chegar, por medio da Xunta de Galicia, ao concello de Barreiros.

A alcaldesa de Barreiros, acompañada da segunda tenente de alcaldesa, mantivo un encontro telemático co Secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, para trasladarlle directamente a problemática existente na praia de Arealonga respecto aos verquidos derivados da falta de depuración de augas residuais.

Continúan así desde o goberno municipal na busca de colaboracións que permitan levar a cabo tan importante investimento, xa que para o Concello de Barreiros é inasumible realizalo sen a implicación doutras administracións.

Ana Ermida espuxo que “é unha problemática que podería solucionarse coa construción dunha nova depuradora en San Miguel, para o que se requirirían fondos excepcionais, dado a importancia do investimento e as limitación orzamentarias do municipio.”

O Secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, recoñeceu a importancia de levar a cabo dito investimento e garantiu o traballo do seu departamento para que os fondos que se transfiran á Xunta de Galicia para este fin contemplen dita actuación.

Desde o Concello reiterarán á conselleira Ethel Vázquez a necesidade de que o departamento que dirixe considere esta actuación como prioritaria á hora de investir os fondos de recuperación que o Estado transfire ás Comunidades Autónomas, financiando ata o 95% dos custos de execución.

As representantes municipais agradeceron ao Secretario de Estado a súa implicación e o compromiso amosado na reunión, así como nos proxectos de rexeneración e recuperación da zona que o propio Ministerio prevé levar a cabo e que contribuirán á mellora da zona e á súa posta en valor.