Skip to main content
Burela

O TSXG admite a trámite a demanda do PP burelés sobre a ordenanza de peche de predios

Por 20 Marzo, 2022Sin comentarios

O Grupo Municipal Popular vén de demostrar unha vez máis con feitos que “estamos para defender os intereses dos veciños e veciñas da nosa vila. Con seriedade e con firmeza”. Así o manifesta o portavoz, Manuel Rouco, tras coñecer que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de aceptar a trámite a demanda presentada polo Grupo Municipal Popular de Burela en relación á ordenanza municipal de peche de predios aprobada hai tan só uns meses “de forma totalmente irregular polo goberno do señor Llano e coa connivencia do BNG ”.

O popular considera que “o tribunal máis alto de xustiza de Galicia advirte posibles indicios de vulneración dos dereitos da nosa vila”; xa que “o señor Llano e o seu goberno tramitaron a ordenanza sen facer a preceptiva consulta pública á cidadanía do noso concello, tal e como marca clarísimamente a lexislación vixente e como llo advertira en reiteradas ocasións o Grupo do PP”.

Rouco sinala “o modo de proceder totalmente trapalleiro do señor Llano”, tantas veces denunciado polos populares, demostrouse unha vez máis con este asunto. É que “o TSXG tivo que pedir ata en dúas ocasións ao goberno local que lle remitise a documentación relativa ao expediente de tramitación desta ordenanza municipal” porque “o primeiro remitido contiña numerosos erros”.

O voceiro do PP explica que “non é a primeira vez que algún organismo ten que reclamarlle documentación ao goberno do señor Llano” debido á súa falta de transparencia”. Cando o goberno local ocultou información das dependencias municipais ao Grupo Municipal Popular a Valedora do Pobo tivo que reclamarlle en varias ocasións o informe que xustificara esa ausencia de información aos concelleiros do PP como representantes dos veciños de Burela”.

Demandas dos traballadores

A demanda presentada polo Grupo Municipal Popular non é a única á que ten que facer fronte o goberno local ao longo deste mandato porque “son numerosas as presentadas polos traballadores do propio Concello en relación a posibles vulneracións dos seus dereitos laborais”.

Os populares pregúntanse unha vez máis “se realmente é este o goberno que precisa e merece unha vila coma Burela, un goberno incapaz de xestionar nada e que non para de acumular demandas xudiciais debido aos seus desmáns”. Dende o Grupo Municipal Popular lamentan que “sexan os veciños os que teñan que pagar o desgoberno de Llano”.